sábado, 12 de septiembre de 2009

O PP esixe 2.145 millóns dos Presupostos Xerais


Os populares marcan a cifra obtida este ano como "teito mínimo" para recibir Galicia dos orzamentos estatais deste próximo ano

AGN E E.P. . SANTIAGO

A proposta do Goberno central para os Presupostos Xerais do Estado (PXE 2010) entrará no Congreso dos Deputados a finais de setembro e o PP xa marcou a súa estratexia desde Galicia. Segundo o deputado nas Cortes Celso Delgado, "Galicia non pode baixar" nesta lei as "asignacións recibidas neste ano", fixadas en 2.145 millóns de euros.

Na súa opinión, esta contía é un "teito mínimo", por iso é polo que "os investimentos non poden baixar desta cifra", asignada para os orzamentos do ano en curso, pois sería unha "mala noticia" para a comunidade "reducir a partida de 2010", dado que "é necesario máis financiamento" e "o Goberno ten un compromiso que non pode desatender".

No entanto, os orzamentos non son a única preocupación de Delgado, que asegura que está estudando a execución orzamentaria, que en ocasións se sitúa no "30% do previsto". Tanto é así, apuntou, que cunha "execución do 60%, ás veces, estariamos encantados". Aínda que non quixo precisar grandes datos porque nas "próximas semanas" presentarán un estudo minucioso, o popular fixou a "caída da licitación pública" nos últimos meses a un ritmo do "60%", só no Ministerio de Fomento. No caso galego, asegurou, existen "indicios claros" de que Galicia é unha das comunidades máis prexudicadas por este recorte.

Partindo destas teses, Delgado expón que Galicia necesita, en 2010, "ou aumentar ou manter os presupostos", e "elevar os penosos niveis de execución orzamentaria", dado que se alcanzaron "os peores" datos nesta materia. Argumenta, ademais, que na lexislatura anterior, o executivo estatal "deixou de gastar en Galicia 2.000 millóns", é dicir, o "100% do que orzamentou para 2009". Na opinión do deputado, o Goberno socialista -e en concreto José Blanco-, "teñen a oportunidade de devolver a Galicia o que lle quitaron" para "entregarlles a Cataluña e Andalucía fondos que tiñan que executarse na nosa comunidade".

En relación coa "austeridade" que o Goberno prometeu para as contas do Estado do 2010, Delgado expón que este concepto "non pode afectar aos investimentos estratéxicos", como as infraestruturas e o medio natural, porque "son xeradores de emprego.

A SOLUCIÓN

Os recortes, para as máis ricas

A proposta que expón Celso Delgado para que Galicia manteña investimentos consiste en que aquelas comunidades con "mellor situación económica" sexan as que "sufran as consecuencias dos recortes", mentres que as que como Galicia, "necesitan solidariedade", se vexan beneficiadas por un "esforzo orzamentario". "Non imos pagar os erros de Zapatero con recortes no noso benestar", salientou o deputado popular galego.

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=80&idNoticia=466576