domingo, 18 de octubre de 2009

Temos unha lingua propia que usamos, amamos e respectamos




Coido que hoxe 18 de outubró é un bo día para recordar cal é a posición do principal partido de Galicia, expresada no seu programa electoral e sometida á vontade dos Galegos nas recentes eleccións, en relación coa nosa lingua.

“O idioma galego é o noso sinal de identidade como pobo, e un medio único para a comunicación e a expresión do noso talento.

O PPdeG sempre considerou, e considera que o noso idioma propio é un elemento esencial da nosa autoidentificación como pobo, de integración da nosa plural sociedade.

O PPdeG sempre defendeu, defende e defenderá o impulso e a promoción da lingua galega como vínculo de unión entre todos os galegos nunha sociedade, a nosa, que demanda, moi maioritariamente, o uso pacífico, libre e sen confrontacións das nosas dúas linguas oficiais. Polo que renunciou, renuncia e sempre se oporá a utilización da nosa lingua como arma de enfrontamentos, divisións ou para as imposicións.

Coa mesma firmeza coa que defendemos a súa oficialidade no Estatuto, e promovemos desde o goberno a súa presenza en todos os ámbitos sociais; coa mesma firmeza coa que non consentiremos que a nosa lingua sexa nunca menosprezada, marxinada ou infravalorada, oporémonos a súa imposición.

Non podemos permitirnos que a nosa principal referencia identitaria se converta nun instrumento para a división social. Porque o PPdeG, como forza galeguista, cre firmemente que:

- A inmensa maioría dos galegos e galegas, ao igual que compatibilizan espontaneamente as súas identidades como galegos e como españois, asume como propias e compatibiliza libre e voluntariamente a riqueza lingüística que supón dispoñer de dúas linguas: a propia, o galego, e a común de todos os españois, o castelán.

- A inmensa maioría dos galegos non queren que na sociedade galega, como ocorreu noutras nas que se teñen imposto as teses maximalistas dos nacionalismos, se xeren conflitos lingüísticos como consecuencia da imposición lingüística, porque esa inmensa maioría quere que ambas linguas segan a convivir en harmonía.

- A inmensa maioría dos galegos demandan dos poderes públicos que removan calquera obstáculo ou imposición que impida a ningunha persoa exercer os seus dereitos lingüísticos, isto é, o dereito de poder escoller a lingua oficial de uso que consideren oportuna.

En definitiva, o que o PPdeG defende, ao igual que a inmensa maioría dos Galegos e galegas, é a plena vixencia do marco constitucional e estatutario, que se caracteriza:

- Pola consideración do castelán como lingua común de todos os españois (art. 3.1 da Constitución), e polo tanto tamén como unha lingua nosa que nos permite integrarnos na terceira comunidade lingüística máis numerosa do mundo;

- Pola consideración da nosa lingua propia, o galego, tamén como lingua oficial na nosa Comunidade Autónoma (art 5 do Estatuto); unha lingua que é parte do patrimonio cultural de España enteira, e que por elo debe ser obxecto de “especial respecto e protección” (art. 3.3 CE).

- Polo establecemento de garantías por parte dos poderes públicos, en especial os autonómicos, do dereito de todos os galegos e galegas de coñecer e usar ambos idiomas; potenciando o uso do galego en todos os planos da vida pública, cultural, e social; sen que ninguén poida ser discriminado por causa da lingua.

O PPdeG, no pasado, ten feito moito, desde as súas fondas conviccións galeguistas, para garantir que todos os cidadáns de Galicia puidesen exercitar os seus dereitos lingüísticos en liberdade; e particularmente os que elixen o galego, dada a situación de marxinación histórica na que a nosa lingua se atopou con anterioridade á posta en marcha das institucións do autogoberno.

E teno feito, sempre, acadando amplos consensos políticos e sociais, co obxectivo de facer posible que tanto os que libremente escollen empregar o galego como o castelán poidan facelo en todas as ordes da súa vida, e particularmente no ámbito público.

Pese aos múltiples esforzos feitos, aínda queda terreo por recorrer nalgúns ámbitos públicos e sociais: Na xustiza, na empresa, no mundo das novas tecnoloxías, ou nos medios de comunicación, entre outras, aínda se dan eivas preocupantes que impiden, de facto, que as persoas que elixen utilizar o galego poidan exercitar os seus dereitos lingüísticos. Áreas nas que compre reforzar os esforzos de fomento e apoio á normalización do galego. Do mesmo xeito que se ten feito con éxito, no pasado, a través de políticas de impulso e promoción, e nunca de imposición, noutros ámbitos sociais (como na vida política e parlamentaria, na administración pública, ou no mundo editorial).


Por todo elo, o PPdeG defende un bilingüismo integrador, baseado no dereito constitucional e estatutariamente protexido á libre opción lingüística.

Un dereito que só se pode exercitar na práctica, tanto para quen opta polo galego como por quen opta polo castelán, se o conxunto da sociedade é bilingüe, é dicir, os galegos e galegas temos a facultade de utilizar ámbalas dúas linguas indistintamente; e se a sociedade mantén, como ata o de agora, o consenso básico de que as linguas galega e castelán son elementos de unión, e non de separación ou confrontamento.

En resumo, o PPdeG defende os seguintes principios:

- A liberdade individual de opción fronte a imposición. Pero para exercitar a liberdade hai que ter capacidade de uso de as dúas linguas oficiais.

- Tal e como establece o Plan de Normalización Lingüística, rexeitamos as políticas de substitución dunha lingua pola outra.

- Cremos que a cooficialidade debe concretarse na coexistencia de ámbalas dúas linguas en todas as esferas sociais.

- Hai que garantir os dereitos lingüísticos de todos os galegos e galegas, tanto os dos que deciden facer a súa vida en galego, como os dos que a queren facer en castelán; para o que propoñemos un bilingüismo integrador baseado no coñecemento por todos de ambas linguas e no dereito da libre opción lingüística.”


Este é pois o noso reto, facer realidade o comprometido acadando o maior grado de consenso posible.