martes, 22 de diciembre de 2009

A licitación dos tres tramos do AVE Lubián-Ourense supón o cumprimento do Pacto do Obradoiro logrado por Feijóo

Celebro que por fin o Goberno Socialista, por mediación de ADIF, licitara onte as obras de tres dos subtramos inscritos no trazado da liña desde Lubián a Ourense e que van desde Porto a Taboadela.

Recordo que os 22,1 quilómetros licitados, por importe de 281 millóns, forman parte do acordo logrado polo presidente Feijóo co Ministerio de Fomento, que foi un compromiso histórico para Galicia, formalizado por escrito e relativo a investimentos e prazos.

Debemos lembrar que este acordo foi posible grazas a que en abril de 2009 cambiou o Goberno da Xunta e accedeu á presidencia Alberto Núñez Feijóo, un presidente que expuxo en Madrid as reivindicacións de Galicia con firmeza e sen paliativos porque non recibía ordes do Goberno central como o anterior bipartito e, sobre todo, un presidente galego que soubo superar con xenerosidade o pasado de incumprimentos do Goberno con Galicia para centrarse sen revanchismos políticos nas necesidades reais da comunidade e en buscar un calendario que, por fin, achegue a alta velocidade á nosa autonomía.

Esta circunstancia, xunto co cambio en abril do 2009 do titular do Ministerio de Fomento e a chegada de José Branco en substitución de Magdalena Álvarez, fixeron posible a boa nova que recibiu onte Galicia, que ve como se incia o proceso de licitación do tramo crave do acceso por AVE á Meseta.

Hai que recordar que con ocasión da súa primeira comparecencia no Congreso, en abril de 2009, e xa como ministro, José Branco, a preguntas deste deputado, recoñeceu que no tema do AVE a Galicia “houbo unha fuxida cara adiante en prazos que se sabía que non se podían cumplir.

O proxecto que agora comeza a avanzar, a licitación dos tres subtramos entre Porto e Taboadela, leva un atraso monumental. En xuño de 2004 o Pleno do Congreso, por unanimidade, fixou para 2009 a data de entrada en servizo da conexión entre Galicia e Madrid por AVE, pero o Goberno socialista demorou os trámites administrativos ata a exasperación e consignou ridículos orzamentos.

Máis adiante, ante a evidencia do incumplible daquel prazo, os socialistas: Touriño, Zapatero, Magdalena e Branco, comprometeron un novo, o de 2012, que foi o seu principal argumento na campaña electoral das autonómicas galegas. Díxose ata a saciedade que as obras entre Lubián-Ourense licitaríanse nese mesmo ano 2008 e que comezarían en 2009 e con esa finalidade a Lei de PGE para 2009 consignou para Seitsa e a Dirección Xeral de Ferrocarrís nada menos que a descomunal cifra 254 millóns de euros.

Perdidas as eleccións autonómicas, o propio ex presidente Touriño tivo que recoñecer que durante anos os proxectos do AVE á Meseta estiveron ·”gardados no caixón·”, recoñecíase o “engano masivo” e finalmente, tras o cambio de titular do Ministerio de Fomento, os socialistas comprometeron unha nova data, a de 2015.

Sen ningunha dúbida, a decisión de licitar unha obra é algo moi importante, pero convén distinguir que licitar non é o mesmo que executar. Os 281 millóns de euros que agora se licitan non se gastarán en 2010, por varias razóns.

A primeira de prazos, xa que ata que se adxudique o contrato e as obras comecen de forma efectiva poden transcorrer entre nove e dez meses.

E por outra banda as previsións orzamentarias do Goberno de Zapatero para o ano 2010 son as de gastar entre Lubián e Ourense un total de 37 millóns de euros. Cifra que representa tan só o 1,17 % do custo total da obra deste tramo, valorado polo ADIF en 3.143.850.000 €.

Ademais, hai que recordar que no trámite parlamentario o PP presentou unha emenda que buscaba incrementar en 50 millóns de euros a dotación de ADIF para executar a obra entre Lubián e Ourense, pero que foi rexeitada.

É necesario recordar neste momento que os 254 millóns de euros orzados na Lei de PGE de 2009 para SEITSA e con destino liña de Lubián-Ourense quedarán sen executar na súa integridade. E iso lévanos a formular esta pregunta Que vai pasar con ese diñeiro? Desde logo non queremos que este diñeiro sómese aos preto dos 2.000 millóns de euros non executados na pasada lexislatura.

Agardo que a senda iniciada hoxe de cumprimento dos compromisos para este ano do Pacto do Obradoiro asinado coa Xunta de Galicia mantéñanse en diante, á vez que anuncio que seguiré vixiante e atento ás actuacións do executivo.