sábado, 23 de enero de 2010

Escoitando ao ministro José Blanco

Onte asistín ao acto de clausura das xornadas de alta velocidade organizadas polo Concello. Tras a intervención do alcalde Francisco Rodríguez, interveu o ministro de Fomento José Blanco.

Da súa intervención destacaría o compromiso explícito de que Fomento, Xunta e Concello asinarán nas próximas semanas un protocolo que permita traballar dun modo concertado para a integración ferroviaria e que se avanzará na próxima reunión a celebrar o 1 de febreiro da Comisión de Seguimento do AVE.

Alégrame especialmente este compromiso pois levou anos demandando que se dese este paso - do mesmo xeito que o fixeron antes outras cidades ás que chega o AVE - pois é imprescindible xestionar este gran proxecto dun modo concertado, organizado e rigoroso.

Desexo que a firma do protocolo que asinarán as citadas administracións ( e deduzo tamén ADIF e RENFE) permitirá traballar concertadamente para que a integración ferroviaria sexa a que Ourense se merece, sen escatimar recursos económicos nin solucións técnicas, asegurando a permeabilidade efectiva entre as dúas zonas hoxe separadas do barrio da Ponte.

Solución que á maioría dos ourensáns antes e logo das informacións recibidas nestas Xornadas séguenos parecendo o soterramento.

Esperado era o anuncio de adxudicación das obras do acceso á estación de Ourense do AVE que vén desde Santiago, un tramo de 1,5 quilómetros, que foi licitado por ADIF no BOE de 7 de outubro de 2009. Tramo que é necesario executar para que se cumpra un dos compromisos fixados no Pacto do Obradoiro subscrito o 21 de xullo de 2009 entre José Blanco e Alberto Núñez, a saber: "A finais do ano 2011 entrará en servizo a liña de alta velocidade entre Ourense-Santiago, con dobre vía electrificada e ancho internacional"

Apuntou o ministro lucense que na primavera de 2010 comezarán as obras entre Taboadela e Porto. Nada desexo máis, pero me temo que a tardía licitación dos tres subtramos, publicada no BOE de 29 de decembro de 2009, non permitirá que as máquinas comecen os seus traballos ata o verán.

Quero destacar o ton institucional do ministro e a súa referencia á miña persoa. Sen ningunha dúbida e á marxe das diferenzas políticas indubidables entre as nosas respectivas formacións políticas e dos serios debates que mantivemos en sede parlamentaria, coincido absolutamente coa súa apreciación de que o compromiso co AVE galego e ourensán é de toda a sociedade e que son desexables as políticas concertadas.

A José Blanco como ministro do Reino de España correspóndelle a difícil tarefa de executar estes proxectos e buscar recursos económicos para materializalos e a este deputado nas filas da leal oposición controlar e impulsar a acción do Goberno.


http://www.laregion.es/noticia/115471/ourense/ave/alta/velocidad/jornadas/arquitectos/josé/blanco/