domingo, 24 de enero de 2010

O Turismo: unha prioridade para o Partido Popular


Os últimos datos coñecidos evidencian que o turismo en España caeu un 8,7% e volve a cifras de 2003. Durante 2009 chegaron a España pouco máis de 52 millóns de persoas, un 8,7% menos que en 2008.

Durante 2008 chegaron 57,4 millóns de turistas, un 2,6% menos que en 2007 (o mellor ano da historia do sector, con 59,1 millóns de turistas).

O ano 2009 saldouse coa perda de 5,4 millóns de turistas. O número de entradas retrocede así cinco anos e volve aos niveis de 2003 tras retroceder un 8,7% fronte ao ano 2008, segundo o avance do Instituto de Estudos Turísticos presentado o 13 de xaneiro de 2010.

A destrución de emprego no sector hostaleiro agudízase. Perdéronse 400.000 empregos no ano 2009 no sector turístico segundo o Instituto de Estudos Turísticos.

Por primeira vez en trece anos diminuíu a súa achega ao PIB, descendeu o número de turistas estranxeiros e o seu gasto medio.

Con Zapatero, España baixou ao terceiro posto dentro dos países receptores de turistas, mentres Francia, mantén o primeiro lugar.

No canto de dar solucións, o goberno socialista aprobou a través da Lei Xeral de Orzamentos do Estado para 2010, unha subida do IVE reducido do 7 ao 8% a partir de xullo de 2010, xusto no comezo da tempada alta.

Esta subida soportarana o sector hostaleiro, a restauración e o transporte de pasaxeiros. É dicir que o imposto que grava o consumo de turismo increméntase nun 14 %.

O sector terá que custear o pago da diferenza do IVE nos contratos asinados con anterioridade.

A subida do IVE lonxe de aumentar a recadación, desincentivará o consumo lastrando a competitividade, o que, finalmente traducirase nunha menor recadación por IVE.

Mentres que distintos países Europeos baixan a fiscalidade ao sector turístico para facelo máis competitivo, en España facemos xusto o contrario, subir o IVE “turístico” a partir de xullo.

O Goberno alemán decidiu que a partir do mes en curso o IVE que se aplica ás estancias hostaleiras descenderá 12 puntos porcentuais. O imposto pasou pois do 19% actual ao 7%.

Alemaña vén sumarse así a outros destinos europeos que rebaixaron o IVE turístico este verán pasado. É o caso de Francia, onde actualmente a taxa sitúase no 5,5%, ou as Illas Gregas, co 3,5%-


CRITERIOS DO PARTIDO POPULAR


Fronte á subida xeneralizada de impostos nós propomos:

.Rectificar a subida do IVE e volver aos tipos do 7 e o 16%.

. IVE súper reducido ao 4% dos produtos relacionados directamente co turismo (hostalería, restauración e transporte).

. Reducir as cotizacións á Seguridade Social co obxecto de fomentar o emprego e loitar contra a temporalidade.

. Reducir polo menos o 50 % as taxas portuarias e aeroportuarias en todos os aeroportos e portos do Estado con obxecto de facer máis competitivo o turismo en España.

. Favorecer un novo tratamento fiscal que permita ás empresas turísticas atenuar custos e reinvestir.

. Reducir as cotizacións á Seguridade Social e flexibilizar o mercado laboral, para facilitar máis competitividade e máis emprego.

. Recuperar os incentivos fiscais do I D i en materia turística.

Todas estas propostas foron incluídas nunha Proposición non de Lei que o Grupo Parlamentario Popular presentou no Congreso o pasado día 20.

Concluíndo, o turismo é unha prioridade para o Partido Popular e require políticas de Estado, desde todos os ámbitos da administración, en coordinación co sector empresarial.