Onte no Congreso solicitamos a comparecencia urxente no Congreso dos Deputados da Vicepresidenta segunda do Goberno e Ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, para que informe sobre as condicións dunha presunta cesión ao Concello do inmoble do Banco de España na cidade de Ourense.
Hai que recordar que o citado edificio foi adquirido pola Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria do Patrimonio do Estado (SEGIPSA) como medio instrumental da Administración Xeral do Estado, co fin de acondicionalo para novos usos.
Foi na Comisión Coordinadora de Edificios Administrativos na que se asignou o citado inmoble á sede da Delegación de Economía e Facenda e Xerencia Territorial do Catastro que deu a SEGIPSA instrucións para proceder á súa rehabilitación.
A citada sociedade estatal convocou, no ano 2006, o correspondente concurso aberto para a redacción do proxecto de rehabilitación, que foi presentado a licenza ao Concello no mesmo ano 2006.
Desde aquela data ao non haberse obtido a licenza municipal, non se iniciou a obra.
Esta situación provocou unha falta de execución de partidas orzamentarias destinadas ás obras por importe de 5.893.482 (1.996.482 en 2007, 2.279.000 en 2008 e previsiblemente 1.618.000 en 2009) que denunciei en anteriores ocasións.
Ademais de controlar estes aspectos orzamentarios, en varias ocasións intereseime pola disposición de SEGIPSA a considerar outros usos alternativos para ese edificio habendo sempre recibido a resposta de que “sí, pero sempre que estivesen asociados a fórmulas que permitisen satisfacer as necesidades inmobiliarias cuxa cobertura está programada coa reforma do edificio do Banco de España e non se lesionen os intereses económicos da sociedade mercantil propietaria do edificio”
Agora acabamos de coñecer que o Concello de Ourense está ultimando un Acordo con SEGIPSA para a cesión dunha parte do inmoble, en concreto da parte nobre.
Ao noso entender é imprescindible que nesta negociación non salgan prexudicados os intereses dos ourensáns xa que non sería comprensible que dúas institucións gobernadas polo mesmo cor política (Goberno Central e Concello) sexan incapaces de desbloquear unha situación que xa provocou que as obras de rehabilitación dun dos edificios máis emblemáticos da cidade leven máis de catro anos paralizadas e os seus usos definitivos sen definir.
O noso obxectivo é contribuír con todas as nosas forzas a que o inmoble do Banco de España sexa cedido nas mellores condicións, é dicir na súa totalidade á cidade de Ourense e é por iso que pedimos información á máxima representante do Ministerio de Economía e Facenda, a Vicepresidenta Económica do Goberno.