O xornalista do Diario A Rexión, destacado en Madrid, Héctor Díaz propúxonos opinar a tres parlamentarios ourensáns sobre cuestións relacionadas coa enerxía, particularmente a de tipo nuclear.
Preguntábame en primeiro lugar sobre se consideraba necesario continuar potenciando a enerxía nuclear coa creación de novas centrais.
Respondín que como cuestión previa hai que destacar que o PP quere especialmente en materia de enerxía abaratar custos para as empresas e deseñar unha política enerxética a medio e longo prazo coherente e sostible, que garanta a subministración en termos de calidade, cantidade e prezo.
Recordei que España necesita ser máis independente do estranxeiro en canto a fontes de enerxía e que non podemos prescindir de ningunha coas que contamos actualmente. Desde as enerxías renovables, pasando polas outras mixtas (coxeneración), ata a enerxía nuclear, o mix enerxético español é mellorable.
E dixen que o PP defende o mantemento das centrais nucleares existentes, asegurando o seu correcto mantemento e todas as garantías de seguridade necesarias. Que non podemos obviar o feito de que os oito reactores nucleares que operan en España ofreceron o pasado ano o 17,55% da electricidade consumida no país.
Que o Partido Popular renova o seu interese en alcanzar un consenso con todos os grupos políticos e o Goberno en conseguir para España, dunha vez por todas, un plan enerxético que garanta un mix baseado no respecto ao medio ambiente e na garantía da subministración enerxética segura.
Interrogábame en segundo lugar sobre se consideraba que as enerxías renovables serán capaces de tomar a substitución á enerxía atómica.
Respondín que a nosa crecente e excesiva dependencia enerxética exterior , próxima ao 80% nos últimos anos, e a necesidade de preservar o medio ambiente e asegurar un desenvolvemento sostible, obrigan ao fomento de fórmulas eficaces para un uso eficiente da enerxía e a utilización de fontes limpas.
E dixen que o recurso ás enerxías renovables permite reducir a dependencia enerxética exterior contribuíndo a asegurar a subministración futura. Ademais as renovables posibilitan a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e, polo tanto, a paliar os danos derivados do cambio climático.
Afirme finalmente a miña crenza en que o seu desexable crecemento non poderá absorber a medio prazo a produción xerada pola enerxía nuclear que pode e debe coexistir coas enerxías renovables.
Tamén me preguntou en terceiro lugar sobre se debería Galicia haberse ofrecido para albergar o Almacén Temporal Centralizado (ATC)
A miña resposta foi que a necesaria instalación do ATC en España, como parte do sistema enerxético, foi aprobada en decembro de 2004 por todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados.
Finalmente dixen que o proceso de selección do emprazamento do ATC debe estar dominado pola transparencia informativa, pola independencia política e polo rigor técnico e científico. E que a súa elección deberá fundamentarse na existencia previa dun consenso político, institucional e social, tanto nacional como local.
Concluín dicindo que na miña opinión non tería sentido un emprazamento dun almacén de ATC en Galicia fundamentalmente pola distancia da localización dos actuais reactores nucleares á nosa Comunidade.