Onte pola noite tiven ocasión de asistir a un acontecemento musical de primeira nun marco incomparable.
Comezaba “Pórtico do Paraíso” o III Festival Internacional de Música de Ourense, que organiza a Concellería de Educación, e que xa está entre os mellores festivais de música clásica de España.
O marco escollido nesta ocasión non podía ser mais adecuado, a Catedral de Ourense, que presentaba un impresionante cheo de persoas de todas as idades.
E certamente ninguén quedou defraudado pois tivemos a ocasión de oír a dúas grandes voces, a soprano Enma Kirby e o tenor Robin Blaze, acompañados polo grupo Florilegium que dirixía o flautista Ashley Solomon.
O programa de música sacra comprendía obra de Antonio Vivaldi e de Giovanni Battista Pergolesi.
Só son un simple afeccionado e para o meu gusto o mellor do programa foi o “Stabat Mater” Esta obra é unha pregaria que comeza coas palabras Stabat Mater dolorosa (estaba a Nai sufrindo) e que medita sobre o sufrimento de María, a nai de Xesús, durante a crucifixión.
A composición de Pergolesi é magnífica e a interpretación de Blaze soberbia, e o público sóuboo recoñecer.
Termino esta entrada coas tres últimas palabras daquela obra, “Paradisi, gloria. Amen”