O pasado 22 de xaneiro, o Ministro de Fomento, D. José Blanco, con ocasión da súa intervención va clausura das Xornadas de alta velocidade organizadas polo Concello de Ourense, dicía que “Fomento, Xunta e Concello asinarían nas próximas semanas un protocolo para constituír un consorcio que xestione a integración da liña de alta velocidade en Ourense”
O certo é que transcorreron desde aquela data un total de 37 días e non hai noticias nin tan sequera da existencia dun proxecto de borrador do citado protocolo.
Neste espacio de tempo outras cidades tiveron avances en temas similares. Así, por exemplo, o ministro de Fomento, José Blanco, o alcalde de León, Francisco Fernández, e o presidente de FEVE, Anxo Villalba, asinaron o 6 de febreiro o convenio para a integración de FEVE a capital da veciña provincia.
E o 8 de febreiro, o Director Xeral de Infraestruturas Ferroviarias presentou un protocolo con obxecto de establecer as relacións entre o Ministerio de Fomento, a Generalitat Valenciana e o Concello para o estudo da integración da Liña de Alta Velocidade Madrid-Levante ao seu paso polo termo municipal de Sagunto.
En aras á colaboración institucional, pido unha vez máis ao Ministerio de Fomento a presentación de inmediato á firma dun convenio entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense, ADIF e RENFE Operador coa finalidade de articular as novas infraestruturas necesarias para a integración urbana do ferrocarril baixo a fórmula da intermodalidade.
O convenio deberá contemplar a previsión de creación dunha sociedade coa participación de polo menos o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense e que tería como obxectivo principal xestionar o desenvolvemento urbanístico e executar as obras de infraestrutura urbana e de urbanización correspondentes dos chans incluídos no ámbito de actuación do protocolo.
A sociedade coordinará a realización dos estudos e proxectos necesarios para a execución das actuacións urbanísticas que se inclúen no convenio, sen prexuízo das competencias que en materia de ordenación do territorio, urbanismo e en materia ferroviaria, corresponden ás administracións asinantes.