miércoles, 28 de abril de 2010

Non admitimos discriminacións: esixo a Fomento un trato igual para Ourense que para outras cidades e que se apoie e financie o soterramento do AVE




Hoxe na Comisión de Fomento preguntei ao Secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas de Fomento, Víctor Morlán, por que o Goberno apoia o soterramento de vías e estacións para a integración da alta velocidade en varias cidades e, en cambio, oponse en Ourense, a cidade que acollerá a estación central de entrada ao AVE en Galicia desde a Meseta.

Entendo que é xusto agora o momento de buscar a mellor solución posible para Ourense, xa que están pendentes de resolver as alegacións á integración ferroviaria, e recordo que non só o PP, senón innumerables asociacións e colectivos ourensáns, como a Confederación de Empresarios, a Cámara de Comercio, colexios profesionais, técnicos de prestixio ou distintas asociacións veciñais, móstranse partidarios do soterramento como a mellor solución para a integración ferroviaria, xa que permite superar a actual fractura das vías no barrio da Ponte, liberando chan en superficie para destinalo a finalidades dotacionais, zonas verdes, deportivas, etc.

Preguntei ao Secretario de Estado, Victor Morlán, por que o soterramento das vías é a mellor solución para a integración do AVE na Estación de Vigo-Urzaiz, onde se gastarán 75 millóns de euros e construirán unha estación que se sitúa na mesma localización que a actual pero a unha cota 15 metros inferior, e non o é para Ourense. E por que Fomento considera tamén que o soterramento é a mellor opción para a integración dunha parte do AVE en Logroño, en León, en Alacante, en Xirona, en Murcia e en Granada, e con todo, descártao en Ourense.

Insistin en que este proxecto é vital para o desenvolvemento da cidade e subliñei que se en todas as cidades anteriormente citadas o Executivo socialista non se escudou na falta de diñeiro ou en que modificar os proxectos provocaría atrasos na execución das obras, por que en Ourense si o fai.

Destaquei especialmente que concretamente en León, terra do presidente Zapatero, a propia nota difundida polo Ministerio de Fomento o 24 de marzo anuncia un novo estudo informativo complementario que insiste no soterramento e a depresión do feixe de vías da nova estación de AVE para “permitir as solucións urbanas máis adecuadas”. Na devandita nota, recoñécese que estas novas actuacións “excedían claramente o estudo informativo inicial”, polo que serán obxecto dunha nova tramitación, e admítese que o Ministerio de Medio Ambiente adoptou a decisión de non someter a avaliación de impacto ambiental a nova solución para axilizar o desenvolvemento deste proxecto. Se en León pódese facer un soterramento e modificar un proxecto inicial e iso non vai atrasar é porque hai vontade política de que así sexa e en Ourense non a hai, sentenciei.

Citei tamén o caso de Xirona, alí o Ministro de Fomento, José Blanco, o pasado día 21 de abril de 2010 asistiu á posta en marcha da tuneladora que perforará o túnel urbano. Este túnel e a futura estación de Xirona custarán 278,6 millóns de euros e ademais investiranse no soterramento da liña de tren convencional 350 millóns de euros. Ademais, confirmou que se derruirá o viaduto que cruza a cidade. A nova estación do AVE en Xirona será a obra de enxeñería máis ambiciosa construída na cidade e será baixo terra, dará servizo á liña do AVE, o ferrocarril convencional, a estación de autobuses e catro aparcadoiros para coches.

Recordei o último caso de apoio do Ministerio de Fomento ao soterramento dunha estación dunha capital de provincia. En concreto referinme ao anteproxecto da nova estación do AVE en Granada presentada por Morlán o pasado luns 26 de abril, onde Fomento investirá nada menos que 120 millóns de euros. Alí está previsto un soterramento da praia de vías que permitirá liberar os terreos de superficie, e o edificio da estación terá dúas plantas, unha delas soterrada onde se desenvolven os usos ferroviarios.

Expuse a Morlán que as estimacións dos técnicos cifran en tan só 25 millóns de euros o custo por quilómetro do soterramento das vías na súa integración en Ourense, polo que, na miña opinión, trátase dun proxecto totalmente asumible polo Executivo.

Expliquei que estamos a tempo para mellorar o proxecto presentado polo Goberno e reclamei que o novo trazado propicie a conexión coa liña de AVE procedente de Santiago e Vigo, tamén soterrada, para suprimir, en ambos os casos, a fractura urbanística que se produce co deseño actual no barrio da Ponte.

Esixín finalmente a Víctor Morlán que o Executivo socialista explique por que o Goberno está atrasando a firma do anunciado convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello, Adif e Renfe Operador para a integración do AVE en Ourense, e recordei que o alcalde da cidade, do PSOE, anunciou en xaneiro de 2009 que nese mesmo mes asinaríase o citado convenio, pero un ano despois nin se asinou nin se coñece a data, algo que contrasta con outras cidades ás que chegará o AVE e que fai meses que teñen asinados os seus respectivos convenios similares.

Rematei a miña intervención decindo que os ourensáns non admiten discriminacións e esixindo a Fomento un trato igual para Ourense que para outras cidades e que se apoie e financie o soterramento do AVE.

Na súa quenda de resposta, o Sr. Morlán recoñeceu que había cidades nas que se chegou á solución do soterramento, pero falou dos condicionantes técnicos para facelo en Ourense, e ante a miña insistencia dixo que Fomento estaba aberto a todas as posibilidades e adiantou que estudarán as 2.000 alegacións presentadas e que esperan buscar a mellor solución xunto coa Xunta e o Concello da cidade. Respecto da firma do convenio de colaboración reclamado, o Secretario de Estado de Infraestruturas non precisou data algunha.





Ver intervención en directo

(Desde el minuto 02:13:45 al 02:25:55)