domingo, 11 de abril de 2010

Un ano de goberno popular en Galicia



Hoxe estiven en Santiago de Compostela celebrando con case 4.000 populares o aniversario da vitoria electoral nas pasadas eleccións autonómicas.

Nunha mañá explendida e nun ateigado Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, escoitamos o noso Secretario Xeral, Alfonso Rueda, ós catro Presidentes Provincias, e o invitado especial o presidente do PP do País Vasco, Antonio Basagoiti.

O noso presidente, Alberto Núñez agradeceu ás bases do PP de G a súa labor e lembrou que somos o partido que máis se parece a Galicia e por iso Galicia é popular.

Logo fixo unha comparanza entre o anterior goberno bipartito, centrado na competición electoral interna, e o actual Goberno unido, centrado e con conciencia de crise e cun guieiro que é un programa electoral e un modelo de país.

Feijoo fixo crítica do Goberno central pola súa actitude desleal con Galicia. Destacando entre esas deslealdades, a de que bloquea en Galicia o que acepta en Cataluña ou en Andalucía, en alusión á Lei de caixas; a que nega aos galegos o que concede aos aragoneses, en alusión á súa negativa de devolver a Galicia case 1.300 millóns de euros de compensación por desaxustes da súa política impositiva (do Goberno central); e fai pagar ao Goberno galego 2.000 millóns de euros que eles mesmos orzamentaron mal e que o bipartito gastou irresponsablemente.

Pechou o acto o Presidente do PP Mariano Rajoy que criticou que a política do Goberno de Zapatero sexa saír do paso, a propaganda, buscar a fotografía, e a súa obsesión coa oposición, cando o que debería facer é gobernar e afrontar a crise económica. Nese sentido considerou que o pacto de Estado para saír da crise foi o último gran engano que se pretendeu perpetrar.


Criticou tamén que sexan os españois os que teñen que pagar os erros do presidente do Goberno, como a subida do IVE cando toda Europa estao baixando.

Doutra banda, Mariano Rajoy destacou que está traballando para que se produza un cambio político en España, igual que se produciu en Galicia e no País Vasco apostando pola moderación, pola sensatez e polo sentido común. Para rematar, Mariano Rajoy referiuse á xestión de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia e asegurou que se fixeron as cousas moi ben. Afirmou que lle gusta o decreto da lingua, a fusión das caixas e, entre outras cousas, a austeridade do Goberno galego. E manifestou que non lle gusta que se boicotee o Xacobeo porque é de todos, dos católicos, dos que non o son, dos galegos, dos españois e de todo o mundo.