domingo, 30 de mayo de 2010

Seguridade Vial e Tramos de Concentración de Accidentes


Hoxe o xornalista do Faro de Vigo, J. Fraiz publica un interesante artigo na edición ourensá deste xornal sobre os chamados “Tramos de Concentración de accidentes” (TCA)

Faise eco dunhas recentes respostas parlamentarias a unhas preguntas que os deputados ourensáns no Congreso presentamos en decembro de 2009.

Utilízase o termo TCA para definir aqueles tramos da Rede de Estradas do Estado que presentan un risco de accidente significativamente superior á media en tramos de características semellantes.

Para a súa identificación utilízanse os datos de accidentalidade dos cinco últimos anos nunha lonxitude mínima de 1 quilómetro. Así mesmo, considérase tamén o tipo de vía (autoestrada, autovía ou estrada convencional) e de zona polo que discorre (urbana, interurbana e periurbana), así como o volume de tráfico, ao obxecto de relacionar o número de accidentes co nivel de exposición ou risco de accidentalidade, aspectos que non se contemplan na identificación dos Puntos Negros.

O concepto e metodoloxía para a identificación dos TCAs seguida polo Ministerio de Fomento está en coherencia cos preceptos da Directiva Europea 2008/96/CE sobre xestión de seguridade viaria nas infraestruturas, onde se fai referencia explícita a tramos de elevada concentración de accidentes.

Os TCAs identifícanse periodicamente polo Ministerio de Fomento (tal como preconiza dita Directiva Europea). Analízanse e definen as actuacións de tratamento para a súa eliminación e que requiren para a súa execución (de acordo coa Lei de Contratos do Sector Público, Lei 30/2007, de 30 de novembro) de procedementos e procesos preceptivos (redacción do Proxecto Construtivo, supervisión técnica e aprobación, licitación) que necesitan, en xeral, un período de tempo de máis dun ano ata a realización das obras correspondentes.


En definitiva, o desenvolvemento das obras necesarias para tratar os TCAs identificados requiren, en xeral, dun prazo superior ao ano, polo que non pode exporse o tratamento nun ano desde o momento que se identifican
Por medio desas respostas parlamentarias sabemos que nestes momentos na provincia de Ourense atópanse identificados un total de 5 TCAs.

Na A-52 dúas: Do Punto quilométrico (PQ) 223,9 ao 224,9 e do PQ 233 ao 234. Ambos sinalizados.

Na N-525 o tramo comprendido entre o PQ 172 ao 173. Está sinalizado.

Na N-120 o tramo entre o PQ 468,8 e o PQ 469,8. Carece de sinalización.

Na N-541 o tramo entre o PQ 27 e o 28. Sen sinalización.

Corresponde ao Ministerio de Fomento sinalizar os dous TCA da nosa provincia que hoxe aínda non o están e fundamentalmente a realización de obras de infraestrutura para a súa eliminación.

Imos seguir insistindo neste importante tema que afecta á seguridade das nosas estradas.



http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2010/05/30/fomento-senalizado-cinco-puntos-negros-red-provincial-carreteras/443222.html