Tampouco Ourense recibiu boas noticias na comparecencia do ministro de Fomento, José Blanco, na Comisión do Congreso.
Tomou a decisión de forma unilateral de cancelar dúas obras relativas á Autovía Ourense-Lugo, ou A-56, esencial para a vertebración do interior de Galicia entre ambas cidades. Foron as únicas rescisións da nosa Comunidade.
O ministro afirmou que non vai facer a conexión por AVE entre Monforte-Valdeorras e Ponferrada. E foi incapaz de respostar sobre o cumprimento do compromiso de licitar neste ano o proxecto da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada, e tampouco foi capaz de comprometer unha data de posto en servizo desta autovía esencial para a nosa provincia e moi especialmente para Valdeorras.
Seguindo a miña indicación, o voceiro popular na Comisión preguntou ao ministro sobre a circunvalación norte, que é un vial que conectará as estradas N-525 e N-120 ao seu paso pola cidade de Ourense e que ten 5,8 km., e que un proxecto que acumula un monumental retraso pero de grandísima importancia para desconxestionar o tráfico da terceira cidade Galega. Pois ben a pregunta concreta foi ¿qué sucedía co proxecto da circunvalación de Ourense e con qué data se podía comprometer?
A resposta de José Blanco foi: “Despois preguntoume pola circunvalación de Ourense e honestamente teño que recoñecer que non sei o que quere dicir co de circunvalación de Ourense, non sei se é unha confusión e quería preguntar pola de Pontevedra. En calquera caso, non teño o dato e non llelo podo facilitar, señorías, pero facilitaréillelo con moito gusto”.
Esta foi a súa resposta, de descoñecemento total da nosa circunvalación, que non de outras como das de A Coruña, Santiago, ou Pontevedra para as que si tivo cumprida resposta, detalle e comentario. Lamentable.
O ministro tampouco deu resposta sobre se o proxecto de integración ferroviaria en Ourense comprendería o soterramento.