Hoxe celebramos con total normalidade no Pleno do Congreso a sesión de control dos mércores da que resalto dúas intervencións.
O presidente do PP, Mariano Rajoy na súa pregunta a Zapatero díxolle que a solución á crise actual pasa por unhas eleccións xerais. Recordoulle que os Orzamentos Xerais do Estado traen máis paro, máis impostos, menos infraestruturas e menos postos de traballo. E expúxolle a necesidade de recuperar a competitividade para crear emprego xa que cos socialistas descendeu 19 postos no ranking de competitividade, baixando ao posto 42 dos países analizados
Rajoy novamente formulou as propostas do PP para recuperar a competitividade, que son:
Reforma do Mercado de Traballo: é imprescindible abordar cuestións como a dualidade, a formación profesional, o absentismo laboral, a eficiencia na cobertura de vacantes e a negociación colectiva.
Reforma Fiscal: tres veces subiu este goberno os impostos nos dous últimos anos, con resultados tan escasos na loita contra o déficit que agora nos anuncia unha nova subida do IRPF para o próximo ano.
Reforma Enerxética: pagamos unhas tarifas superiores á media europea (11%) e con todo temos un déficit tarifario de case 4.000 millóns e unha débeda acumulada que roza os 18.000. Necesitamos seguridade e suficiencia na subministración, competitividade e sustentabilidade ambiental.
Finalizou Mariano Rajoy cunha rotunda afirmación: “Coa folga xeral na rúa, Zapatero anuncia máis paro para o ano que vén pero non fai nada"
Tamén é de destacar a pregunta que formulou a portavoz do Grupo Popular, Soraya Sáenz de Santamaría, á Vicepresidenta Teresa Fernández de la Vega.
Recordoulle que o Goberno socialista dixo que nunca faría unha reforma laboral de costas aos axentes sociais e sacaron unha lei cos únicos votos do Grupo Socialista. E tamen asegurou que non abarataría o despedimento, prometeu que nunca faría recortes sociais e garantiu que a estas alturas xa se estaría creando emprego. Así Soraya referiuse aos cinco millóns de españois que queren traballar e non poden, aos miles de mozos aos que o Goberno impide emanciparse e ás familias á que teñen angustiadas a impostos e castigadas cos recortes sociais. Concluiu afirmando que Zapatero colleu un país en marcha e vaino deixar parado.