jueves, 9 de septiembre de 2010

¿ Por qué noutras cidades Fomento impulsa o soterramento do ferrocarril e en Ourense o rexeita?


Os deputados populares ourensans no Congreso lamentamos que o Goberno socialista siga discriminando á cidade de Ourense no seu proxecto de integración da alta velocidade ferroviaria e, con todo, aposte decididamente polo soterramento como a mellor solución para a integración do AVE noutras cidades (que non dubidamos para nada que o merezan) como é o caso de Palencia, de 85.000 habitantes, para a que recentemente se aprobou o soterramento de 2,7 quilómetros cun investimento de 346,6 millóns de euros dos que 292,6 corresponden á integración do ferrocarril.

Así o BOE do pasado 1 de setembro publicaba o anuncio de Fomento no que se divulgaba que o estudo informativo que se aproba nesta cidade castelá, ten como obxecto principal a definición das obras necesarias para a implantación da rede de alta velocidade en Palencia resolvendo os problemas de integración urbana que a liña ferroviaria actual presenta ao seu paso pola urbe.

O estudo informativo de Palencia desenvolveuse en dúas fases sucesivas:

1) Durante a primeira etapa, analizouse a situación actual e realizouse un estudo de solucións no que se concluíu, co acordo de todas as administracións implicadas, que a solución “soterramento” é a que mellor resolve os problemas que presenta na actualidade a Rede Arterial Ferroviaria de Palencia mantendo a accesibilidade á estación.

2) O obxecto da segunda fase do estudo foi a definición completa e valoración da solución soterramento seleccionada na fase anterior. As obras fundamentais que se contemplan son as seguintes:
- Implantación dunha vía dobre de ancho internacional ao seu paso pola cidade de Palencia. Esta liña xunto cunha vía única de ancho ibérico configurarán a nova Rede Arterial Ferroviaria de Palencia, que se propón soterrar nunha lonxitude de 2.740 m.

- Construción dunha nova estación de viaxeiros na contorna da actual, accesible desde ambas as marxes do corredor ferroviario.

Unha vez mais pedimos ao Goberno socialista que se deixe de escusas e poña á firma xa o tan anunciado Convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello, Adif e Renfe Operador para a integración do AVE en Ourense, e recordamos que o alcalde da cidade anunciou en xaneiro de 2009 que nese mesmo mes asinaríase o citado convenio, e que o propio José Blanco dixo en xaneiro de 2010 que en poucas semanas asinaríase, cando o certo é que nin se asinou nin se coñece a data, algo que contrasta con outras cidades ás que chegará o AVE e que fai anos que teñen asinados os seus respectivos convenios similares.

En Palencia, por exemplo, Fomento asinou en 2008 un Protocolo de Colaboración entre o Ministerio de Fomento, Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, a Xunta de Castela e León, o Concello de Palencia e ADIF no que se recolle a solución consensuada entre todas as administracións para a integración do ferrocarril .

Subliñamos que Palencia se suma aos casos das cidades de Logroño, Alacante, Murcia, Xirona, Granada, Vigo, León e ao máis recente de Talavera de la Reina (89.418 habitantes), unha cidade para a que, segundo informei o pasado 16 de agosto, o Ministerio de Medio Ambiente acaba de excluír da necesidade de declaración de impacto ambiental para un proxecto de soterramento ferroviario de 11 metros de profundidade durante 3,65 quilómetros.

Realmente non hai xustificación algunha para que o ministro José Blanco non busque a mellor solución posible de integración ferroviaria en Ourense, que é a cidade de entrada do AVE en Galicia e que ten este proxecto pendente de resolver as alegacións desde outubro de 2009.

Teño que decir que considero absolutamente inxustificable o deixamento do Goberno bipartito da cidade de Ourense, que en lugar de liderar o movemento social case unánime dos ourensáns está sendo cómplice do Goberno e asistindo impasible á marxinación de Ourense. Neste sentido recordo que non só o PP, senón innumerables asociacións e colectivos ourensáns, como a Confederación de Empresarios, a Cámara de Comercio, colexios profesionais, técnicos de prestixio ou distintas asociacións veciñais, móstranse claramente partidarios do soterramento como a mellor solución para a integración ferroviaria, xa que permite superar a actual fractura das vías no barrio da Ponte, que data de 1952, liberando chan en superficie para destinalo a finalidades dotacionais, zonas verdes, deportivas, etc.

Insistimos en que este proxecto é vital para o desenvolvemento da cidade e pregúntamonos: se en todas as cidades anteriormente citadas - moitas delas de menor entidade poboacional que Ourense - o Executivo socialista non se escudou na falta de diñeiro ou en que modificar os proxectos provocaría atrasos na execución das obras, por qué na nosa cidade, a terceira de Galicia en poboación, sí o fai.