sábado, 23 de octubre de 2010

Alta velocidade, termalismo e solo industrial

Hoxe participei nun encontro sectorial sobre Infraestruturas organizado polo Partido Popular de Ourense, coordinado por José Luis Sousa, que reuniu a trinta representantes de organizacións empresariais e de comerciantes, autónomos, colexios profesionais e representantes institucionais.

 Presidiu a xuntanza o presidente provincial, José Manuel Baltar, que estaba acompañado polo deputado autonómico e candidato do PP á Alcaldía de Ourense.

Alta velocidade:

Pola miña parte tiven unha intervención introdutoria sobre a situación dos proxectos de alta velocidade na provincia de Ourense.

Falouse de que desde o pasado mes de xuño, que foron presentadas as obras de tres subtramos da liña Lubián-Ourense, estas aínda non comezaron, e están sen licitar os outros subtramos pendentes. Neste senso, este é un feito “moi preocupante”, porque este retraso fai que os prazos do ano 2015 dados polo Goberno central non se poidan cumprir, algo que se reflicte tamén na caída dos presupostos do Estado para o ano 2011 referidos á liña Lubián-Ourense.

A integración ferroviaria na cidade de Ourense tamén ocupou boa parte do debate, destacando que o soterramento das vías do tren é a mellor opción de futuro para rachar coa fenda creada no barrio da Ponte. Deuse conta de que día de hoxe, todas as alegacións de colectivos particulares e asociacións non foron resoltas polo Ministerio de Fomento, e o Concello de Ourense remítese ao que digan os técnicos, sen contar coa opinión dos cidadáns e dos colectivos sociais.

No debate falouse do custe do soterramento que podería roldar os 40 millóns de euros, moi lonxe dos 500 millóns dos que fala o ministerio, sen xustificar as cifras. E supón a oportunidade de equilibrar a cidade no futuro, porque o crecemento da cidade de Ourense sempre se deu cara ao sur, mentres a zona norte non tivo ningunha transformación. O feito de dispoñer de 300.000 metros cadrados na contorna da estación para ser transformados é algo que hai que aproveitar para que se poida equilibrar o crecemento da cidade no futuro.

Termalismo:

O segundo gran tema abordado no encontro sectorial foi o termalismo,considerado o eixo fundamental para o futuro do turismo en Ourense. Segundo o plano estratéxico de infraestruturas coa chegada do AVE pasarán por Ourense uns 16 millóns de viaxeiros, e hai que conseguir un gran polo de atracción para que moitos destes viaxeiros pasen uns días en Ourense, e niso o termalismo ten moito que ver.

O gran proxecto termal de Ourense debería centrarse no entorno das Burgas, e aproveitar os 3 millóns de litros de auga termal das Burgas que cada día se perden vérquendose ao Miño. O plano de Termalismo debe centrarse na planificación estratéxica, e non limitarnos só a aproveitar os recursos existentes acondicionando as zonas de baños da contorna do Miño. Todos os asistentes ao debate coinciden en que o proxecto termal ten que sen moito máis amplo para falar dunha verdadeira “economía termal”, que é o que necesita Ourense.

Solo industrial:

Finalmente, no encontro abordouse a necesidade de dotar a Ourense de máis solo industrial. Neste senso, comentouse que a mellora das comunicacións e a redución do custe do metro cadrado contribuirían de xeito determinante á facilitar máis solo industrial.

Un dos grandes problemas que complica o investimento en solo industrial foi o feito de que o anterior goberno bipartito da Xunta gastara 30 millóns de euros na compra de terrreos afectados por diferentes aspectos como temas arqueolóxicos, procesos de expropiación e, en xeral, terreos nos que non estaba executado o planeamento urbanístico.

Ourense habería que apostar pola acción conxunta dos entornos industriais, e converter aos polígonos de San Cibrao, Pereiro, Barreiros e o Parque Tecnolóxico na maior Zona Franca de Galicia, e con futuras ampliacións cara as zonas de Paderne de Allariz e Taboadela. Todo elo unido á Central de Transportes e estudando estratexias conxuntas de desenvolvemento podería darlle un gran pulo industrial a Ourense decisivo nos vindeiros anos.

Tamén se puxo sobre a mesa o problema das malas comunicacións de Valdeorras, o que perxudica o desenvolvemento do empresarial y retrae os investimentos, polo cal se pide que se considere un tema prioritario conseguir a autovía de conexión con Ourense, a A-76 e mellorar nas conexións ferroviarias.

Sen dúbida un encontro moi positivo para seguir pulsando o que demanda a sociedade.