O xornalista do periódico La Región, Héctor Díaz publica hoxe un traballo analizando a opinión de tres políticos de diferentes partidos sobre o dereito de folga e o seu exercicio e sobre a figura dos liberados sindicais.
Estas foron as miñas opinións respecto diso.
¿É necesario facer unha reforma da lei de Folga?
A verdade é que transcorreron xa máis de 30 anos desde que se promulgou a Constitución Española de 1978, e o certo é que a día de hoxe existen dereitos fundamentais como o dereito á folga que non foron adaptados á norma suprema; non hai unha lei de folga.
A nosa Constitución configura o dereito de folga como un dereito fundamental no art. 28.2 CE, protexido, pois, ao máximo nivel. Pero, o dereito de folga, como todo dereito subxectivo, non é un dereito ilimitado nin incondicionado. Está sometido aos límites marcados polo ordenamento xurídico. De entre eles, o máis importante sen dúbida é o límite directamente imposto no texto constitucional, no sentido de asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade.
Pasaron moitos anos desde a aprobación do noso texto constitucional e da conformación dun modelo democrático de relacións laborais, e seguimos contando neste ámbito cun marco legal claramente insuficiente.
Creo necesario abrir un debate relativo á regulación mediante Lei Orgánica do dereito fundamental á folga, e obviamente pola súa temática debe procurar o máximo consenso.
¿ É necesario regular accións como as dos piquetes informativos?
Non teño nada que obxectar a que se poida informar aos traballadores dos motivos polos que se recomenda secundar a folga. Pero expreso a máis firme oposición aos piquetes coactivos e violentos. No noso ordenamento xurídico vixente xa existe o artigo 315 do Código Penal que literalmente di:
” 1. Serán castigados coas penas de prisión de seis meses a tres anos e multa de seis a doce meses os que mediante engano ou abuso de situación de necesidade, impediren ou limitaren o exercicio da liberdade sindical ou o dereito de folga.
2. Se as condutas apuntadas no apartado anterior levaren a cabo con forza, violencia ou intimidación imporanse as penas superiores en grao.
3. As mesmas penas do apartado segundo imporanse aos que, actuando en grupo, ou individualmente pero de acordo con outros, coaccionen a outras persoas a iniciar ou continuar unha folga”
En consecuencia o que hai que facer é cumprir e a lei e facer que se cumpra.
¿É necesario regular a figura e o número dos liberados sindicais?
Os chamados 'liberados' sindicais son figuras de representación dos traballadores que se derivan do regulado no artigo 28.1 da Constitución Española, no Estatuto dos Traballadores e na Lei Orgánica de Liberdade Sindical.
O artigo 68 do Estatuto dos Traballadores recoñece unhas garantías para estes representantes, entre outras o goce de horas de libre disposición a cargo da empresa, horas que se entenden necesarias para o correcto desempeño do labor de representación.
É xa que logo unha figura regulada, o que non obsta a que poida ser obxecto de reforma, especialmente tendo en conta o tempo de crise que vivimos e o número de liberados existentes. Creo que hai que dialogar sobre o tema con empresarios e sindicatos.