Hoxe redactei unha nota de prensa na que denuncio como o Goberno socialista segue discriminando á cidade de Ourense mentres impulsa outras cidades, neste caso Santander, para a que se asinou o pasado día 9 un protocolo de integración ferroviaria que inclúe o soterramento como mellor solución.
Pero aínda resulta máis inxustificable e inexplicable a posición defendida polo alcalde Ourense, coa complicidade dos seus socios do BNG, que manteñen que é mellor non soterrar que soterrar e que declinan defender os intereses maioritarios da sociedade ourensá.
Considero que en lugar de liderar o movemento social case unánime dos ourensáns, o alcalde está sendo cómplice do Goberno de Zapatero e asistindo impasible á marxinación de Ourense, argumentando que “resolvan os técnicos” ou “que a polémica non vai con el”.
Creo que é o actual goberno bipartito municipal de Ourense o que ten que explicar por que é mellor para a nosa cidade que as vías de chegada e saída da estación do AVE non se soterren, por que non queren superar dun modo real e efectivo a actual fractura das vías no barrio da Ponte, que data de 1952 e por que non queren liberar enormes cantidades de chan en superficie para destinalo a finalidades dotacionais, zonas verdes, deportivas, novas infraestruturas viarias, etc.
Entendendo que non explican os seus motivos por que simplemente non hai argumento algún de peso que sosteña o non soterramento.
Levo anos facendo seguimento dos compromisos e adxudicacións de Fomento e é necesario que os ourensáns saiban que fai dous dias, o 9 de novembro de 2010, o ministro José Blanco asinou, coa vicepresidenta do Goberno cántabro, os alcaldes de Santander e Camargo, e os presidentes de ADIF, RENFE e FEVE, un Protocolo para a integración do ferrocarril nos municipios de Santander e Camargo.
O Protocolo asinado ten por obxecto instrumentar a cooperación entre as administracións e empresas citadas para a integración do ferrocarril nos municipios de Santander (183.000 habitantes) e Camargo (31.500 habitantes), e como primeira decisión adoptada no marco dese protocolo decidiuse crear unha Sociedade que xestione a integración, que disporá dun capital social a subscribir de 600.000 euros, achegado polo Ministerio de Fomento nun 50 %, o Goberno de Cantabria nun 25 %, o Concello de Santander nun 20 % e o Concello de Camargo no 5 % restante.
Así mesmo, no marco do Protocolo acórdase a unificación das liñas ferroviarias de FEVE e ADIF no mesmo corredor ferroviario, permitindo a futura implantación das vías de ancho UIC para a chegada da alta velocidade a Santander.
Destaco que ambas as liñas serán soterradas na zona de Maliaño en Camargo. (770 metros da liña de FEVE e 525 da de ADIF). Ademais, construirase unha nova estación de viaxeiros en Santander, común para FEVE e ADIF. En Maliaño construirase unha nova estación que substitúa e reagrupe ás tres actualmente existentes de Maliaño e Muriedas-Bahía, así como a execución do novo viario de enlace coa A-67.
Tamén inclúe a reposición e traslado a Camargo das instalacións ferroviarias auxiliares de ADIF, FEVE e RENFE Operador, situadas actualmente en Santander, así como a cobertura das vías entre Remónta e a Marga (1.000 metros) para a reposición da Avenida Eduardo García do Río sobre elas, e a cobertura das vías desde a Glorieta da Marga ata a nova Estación Conxunta ADIF-FEVE de Santander (1.300 metros).
En total os soterramentos proxectados acadan sobre 3,590 km.
O investimento total estimada das actuacións incluídas no protocolo ascende a 689,1 millóns de euros: dos que 101,8 millóns dedicaríanse á cobertura de vías entre Remóntaa-A Marga e a nova estación conxunta de Santander e 385,9 millóns ás actuacións de remodelación da rede ferroviaria de Santander e a súa Bahía, soterrando o paso por Maliaño.
Cubriríase este orzamento con 385,9 millóns de achega do Ministerio de Fomento, 20 millóns do Goberno Rexional e 283,2 de Plusvalías Urbanísticas.
Afirmo que o exposto con detalle anteriormente é unha mostra máis de como hai un dobre trato do Ministerio de Fomento ás cidades españolas.
A Ourense négaselle unha integración ferroviaria con soterramento mentres que a outras Cidades de España (con alcaldes que pelexan duramente polos seus intereses) facilítaselles.
Sinalo que, ademais do caso de Santander, agora exposto, hai que recordar entre outros proxectos os de:
. Palencia (85.000 habitantes), o Ministerio de Fomento aprobou o soterramento de 2,7 quilómetros cun investimento de 292,6 millóns de auros para a integración do ferrocarril.
. Talavera de la Reina (89.418 habitantes), Fomento prevé un proxecto de soterramento ferroviario de 11 metros de profundidade durante 3,65 quilómetros.
. Logroño (153.000 habitantes): a integración ferroviaria incluirá o soterramento de 1,4 quilómetros no interior do centro urbano, así como a construción da nova estación intermodal.
. León (134.000 habitantes): - Soterramento dun tramo de 450 metros no paso a nivel do barrio de O Cruceiro.
. Granada (234.000 habitantes): A futura estación de alta velocidade de Granada terá unha superficie de 45.000 m2 e constará de dúas plantas, unha delas soterrada, que dará acceso aos servizos ferroviarios.
. Girona (96.000 habitantes): Fomento prevé o soterramento da liña de tren convencional ao seu paso por esta cidade por 350 millóns de euros.
. Vigo (297.000 habitantes): A nova liña ferroviaria do Eixo Atlántico, nos seus últimos tramos, atravesará a cidade de Vigo baixo a superficie. A nova estación de Vigo-Urzaiz situarase na mesma localización que a estación actual, pero a unha cota de 15 metros inferior e disporá dun total de seis vías, con 4 plataformas de 400 metros de lonxitude.
. Murcia (436.000 habitantes): o Ministerio de Fomento soterrará en 1 km o corredor ferroviario actual ao seu paso pola capital na zona das Dores.
Non hai xustificación algunha para que o ministro José Blanco non busque a mellor solución posible de integración ferroviaria en Ourense, que é a cidade de entrada do AVE en Galicia e que ten este proxecto pendente de resolver as alegacións desde outubro de 2009.
E tampouco hai escusa para que non se firme o Protocolo de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello, Adif e Renfe Operador para a integración do AVE en Ourense, algo que contrasta con outras cidades ás que chegará o AVE e que fai anos que teñen asinados os seus respectivos convenios similares.
http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2010/11/12/0003_8843324.htm
http://www.ourensedixital.com/_novas/10/11/12_04.htm
http://www.laregion.es/noticia/135248/linea/lubian/molgas/foroave20101/
http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2010/11/12/0003_8843324.htm
http://www.ourensedixital.com/_novas/10/11/12_04.htm
http://www.laregion.es/noticia/135248/linea/lubian/molgas/foroave20101/