jueves, 11 de noviembre de 2010

Liberdade relixiosa e Sahara, no faladoiro de Radio Voz


Hoxe no faladoiro das 8,30 horas de Radio Voz, que modera Antía Díaz Leal, estivemos falando de dous temas.

Primeiro sobre a reforma da Lei de liberdade relixiosa, tendo en conta que onte no Pleno do Congreso, o deputado de ERC, Ridao preguntaba ao Presidente do Goberno sobre o seu adiamento, o que supuña ir en contra dos seus compromisos e de certos mandatos do Congreso.

Zapatero respondía que consideraba que a reforma da Lei orgánica de liberdade relixiosa era conveniente pero non urxente pois - dicía – “no noso país, afortunadamente, a liberdade relixiosa exércese sen ningún problema, e que a preeminencia do principio da aconfesionalidade do Estado funciona con normalidade”. E engadía o Presidente que “cando haxa consenso político e social fundamentalmente nesta Cámara, actuaría en coherencia coa formulación da necesidade da reforma da Lei orgánica de liberdade relixiosa”.

A miña opinión respecto diso foi a de considerar innecesaria a reforma da Lei Orgánica 7/1980, de 5 de xullo, de Liberdade Relixiosa e coincidí con Zapatero é que ademais non é urxente e que fai ben en aprazala.

Fronte ás moi respectables opinións dos meus interlocutores que cuestionaban o papel da Igrexa católica, o dereito ao ensino de relixión nos colexios, o financiamento dalgunha das súas actividades, etc., eu dí a miña propia opinión.

Recordei como o artigo 16 da Constitución Española garante a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto dos individuos e as comunidades sen máis limitación, nas súas manifestacións, que a necesaria para o mantemento da orde pública protexido pola Lei. E que expresamente logo de afirmar que ningunha confesión terá carácter estatal, dixen que “Os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as consecuentes relacións de cooperación coa Igrexa católica e as demais confesións”

Tamén citei o artigo 27 da Carta Magna que recoñece o dereito á educación e á liberdade de ensino e que no seu punto 3 afirma que “Os poderes públicos garanten o dereito que asiste aos pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións”

E aludín á propia Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa de 1.980 que impón ao Estado a obrigación de garantir o Dereito Fundamental á Liberdade Relixiosa e de Culto, recoñecida na Constitución e a que en efecto, ningunha confesión terá carácter estatal.

Liberdade Relixiosa e de culto que segundo esta Lei comprende entre outros o dereito de toda persoa a: profesar as crenzas relixiosas que libremente elixa ou non profesar ningunha, a practicar os actos de culto e recibir asistencia relixiosa da súa propia confesión e a recibir e impartir ensino a información relixiosa de toda índole e a elixir para si, e para os menores non emancipados e incapacitados, baixo a súa dependencia, dentro e fóra do ámbito escolar, a educación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións.

Finalmente aludín ao papel das Igrexas na asistencia social e especialmente citei o que desempeña a Igrexa católica, por exemplo mediante a súa obra Cáritas, que recentemente daba conta de que a cifra dos necesitados que lle pediron axuda para cubrir necesidades como a alimentación ou o pago de facturas básicas como a electricidade, a auga ou o aluguer duplicouse en dous anos -desde o 2007 ao 2009- por mor da crise, ata alcanzar as 800.000 persoas.

Outro tema que abordamos no faladoiro foi o relacionado co desmantelamento por parte das forzas de seguridade marroquí e pola forza do campamento de protesta "Agdaym Izik" nos arredores da capital da antiga colonia española do Aaiún, Sahara no que convivían máis de 20.000 saharauís.

Condenei a morte de moitas persoas, os centenares de feridos, a violencia exercida e a ausencia de liberdade de prensa para dar conta do que estaba pasando.

En relación coa posición do Goberno de España ante estes gravísimos feitos dixen que Zapatero non podía lavarse as mans neste conflito e que temos unha responsabilidade moral con respecto ao Sahara.

E dixen que o noso Goberno ten que traballar activamente para que frutifiquen as conversacións que se están levando a cabo en Nova York auspiciadas pola ONU e que non son fáciles tendo en conta as diferenzas de posicións: a reivindicación dos saharauís de que se convoque un referendo sobre o dereito de autodeterminación, fronte á posición de Marrocos de que a única vía é dotar dunha maior autonomía á rexión.