viernes, 26 de noviembre de 2010

Novas iniciativas para que Fomento non discrimine a Ourense e reconsidere a súa decisión de non soterrar

O Presidente do Grupo Parlamentario Popular Mariano Rajoy e a portavoz Soraya Sáenz de Santamaría recibían fai escasos días a visita do Presidente provincial do PP ourensán, Manuel Baltar e do deputado e candidato á alcaldía de Ourense, Rosendo Fernández, que expuxeron as inquietudes da provincia e en relación co seu capital evidenciaron como gran prioridade que a integración ferroviaria tivese a calidade exixible, o que pasaba entre outros extremos por efectuar o soterramento.

Hoxe os deputados populares ourensáns no Congreso, plantexamos novas iniciativas coa finalidade de impulsar a mellor integración ferroviaria para a Cidade de Ourense.

Novas iniciativas.

Así, en primeiro lugar solicitamos a comparecencia urxente na Comisión de Fomento do Secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas, Víctor Morlán, para que “informe sobre que fará o Ministerio de Fomento para que o proxecto de integración ferroviaria de Ourense teña a calidade exixible e non se produza un trato discriminatorio”

Temos que recordar que este alto cargo anunciou o 7 de outubro respondendo a unha pregunta de Celso Delgado na Comisión de Fomento do Congreso, que o Goberno, logo de analizar as alternativas, descartaba o soterramento como solución para a entrada do AVE na cidade de Ourense, aínda que non deu un só argumento técnico ou económico de peso que o xustificase.

Ademais formulamos unha Proposición non de Lei reaccionando ante esa inxusta e discriminatoria decisión que foi fortemente contestada pola sociedade ourensá e moi especialmente pola Cámara de Comercio e a Confederación de Empresarios de Ourense que achegaron nos días seguintes ao anuncio un amplo informe acreditando as vantaxes innegables do soterramento e a súa viabilidade técnica e económica.

Nesa PNL dise que “estamos a poucos días de finalizar 2010 e a situación é a seguinte: aínda o Ministerio de Fomento non respondeu aos centenares de alegacións á integración ferroviaria formuladas en outubro de 2009, polo tanto non hai pronunciamiento escrito e oficial sobre o non soterramento e ademais a pesar dos múltiples anuncios feitos aínda non se produciu a firma dun Convenio entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello, ADIF e RENFE Operadora para a integración urbana do ferrocarril na cidade de Ourense, paso previo á constitución dunha sociedade de integración do AVE, da que formarán parte as Administracións central, autonómica e local.

E na parte dispositiva desta Proposición non de Lei pídese que:

“O Congreso dos Deputados inste ao Goberno, a resolver de inmediato as alegacións ao estudo informativo da integración ferroviaria de Ourense de maneira que:

1. Realícese unha modificación do deseño proxectado no Estudo Informativo "Integración Urbana e Acondicionamento da Rede Ferroviaria de Ourense nos últimos 4 quilómetros de modo que o novo viaduto sobre o Río Miño, sitúese máis ao norte do actualmente proxectado e cunhas condicións técnicas que non impidan o soterramento das vías necesarias para o tráfico na Estación Ourense- Empalme.

2. Defínase unha rasante no último tramo da vía contemplada que permita o seu eventual acceso á cota de vías que resulte necesaria para posibilitar o soterramento da praia de vías da Estación Ourense-Empalme superando así dun xeito efectivo a actual fractura do Barrio da Ponte e liberando chan para adecualo ás necesidades futuras de Ourense en canto a residencial, terciario, dotacional, zonas verdes-deportivas e infraestruturas viarias, etc.

3. En consonancia coas formulacións anteriores se proceda a revisar o proxecto de construción da plataforma do Corredor Norte-Noroeste de Alta Velocidade. Eixo Ourense-Santiago, tramo de acceso á estación de Ourense para que as rasantes de entrada permitan o seu soterramento.

4. E a que se proceda con suma urxencia á firma dun Convenio entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, o Concello, ADIF e RENFE Operadora para a integración urbana do ferrocarril na cidade de Ourense, coa finalidade de articular esas novas infraestruturas no sistema de transportes desa capital e contribuír á rexeneración do espazo urbano”

Trato discriminatorio.

Unha expresión máis do trato inxusto e discriminatorio que se dá a Ourense en relación a outras capitais de España é a nota difundida este mesmo luns polo Ministerio de José Branco que titula “Fomento avanza na integración do ferrocarril en Palencia: Na integración prevense soterrar 2.740 metros do corredor ferroviario actual, que permitirá a circulación en alta velocidade e en ancho ibérico”

Nesa nota ministerial – acompañamos o enlace - dise que a solución acordada entre as diferentes administracións, o estudo informativo prevé o soterramento de 2.740 m de vías ao seu paso pola cidade. Deste xeito liberaranse aproximadamente 290.000 m2 de chan sobre os que está previsto construír 2.000 vivendas, das que polo menos un 30% será de protección pública.



Nesta cidade castelá, de 85.000 habitantes e con alcalde socialista contan desde 2008 cun Protocolo de Colaboración entre o Ministerio de Fomento, Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, a Xunta de Castela e León, o Concello de Palencia e ADIF, no que se recolle a solución consensuada entre todas as administracións para a integración do ferrocarril en Palencia.

Mentres tanto na cidade de Ourense, gobernada tamén por un socialista, e que é a porta de entrada do AVE a Galicia, non hai Protocolo algún asinado, de modo que nin se procura nin se alcanza consenso algún sobre a mellor integración para a Cidade.

Pola contra ofrécese a Ourense por parte do grupo de goberno municipal (PSOE - BNG) unha proposta na que se contempla que o AVE estea en todo momento en superficie e como sucedáneo proponse unha cubrición parcial. Unha solución que mantén a fractura do Barrio da Ponte, que non libera suficientes espazos suficientes, que non xera mobilidade nin incorpora suficientes viarios.

Unha proposta que non buscou o consenso coa forza política maioritaria na cidade, nin coa maioría da sociedade civil e que foi elaborada á marxe por completo da administración Autonómica.

http://www.ourensedixital.com/_novas/10/11/29_06.htm