Hoxe no faladoiro de Radio Voz falamos case en exclusiva do sistema de pensións tendo en conta que o Goberno volveu a defender a ampliación da idade de xubilación ata os 67 anos.
A moderadora Antía Díaz deu conta da noticia de que a Unión Europea sostén nun recente informe sobre pensións elaborado polos comités europeos de Política Económica e de Protección Social, que a proposta de España de atrasar a idade de xubilación vai na dirección correcta pero que resulta insuficiente e reclama máis medidas e que de non facelo, o sistema actual resultará inasumible a partir de 2030.
A este respecto dixen que o noso sistema de pensións ten solidez e que está ás portas do equilibrio orzamentario e que podería xerar máis superávit se o sistema non se fixese cargo de gastos que non lle corresponden, como os complementos a mínimos, é dicir se se xestionase mellor.
Afirmei que hoxe o principal problema do noso sistema de pensións é a falta de achegas, de cotizacións polos disparatados niveis de paro do noso país e que as pensións só serán seguras se existen garantías financeiras suficientes, que só poden obterse do crecemento sostido e dunha sociedade plenamente empregada e produtiva.
E recoñecín a necesidade de buscar no marco do Pacto de Toledo un acordo para reformar o sistema, e poder pagar máis pensións no futuro, razoablemente mellores e durante máis anos.
Dixen que hai que seguir avanzando na contributividade do sistema, garantindo que as pensións reflictan e recoñezan en maior medida os anos e as contías de cotización realizadas, como criterio básico de xustiza e equidade, mellorando o tratamento actual de longas carreiras de cotización.
Debemos dotarnos dos instrumentos e incentivos que fagan efectiva a idade legal de xubilación, apoiando con máis intensidade a prolongación voluntaria da actividade dos cidadáns, restrinxindo ao máximo o abandono prematuro da vida laboral.
Neste sentido dixen que segundo Eurostat en España a media de xubilación está nos 62,3 anos, non nos 65 anos.
Recordei tamén como a recomendación 11 do Pacto de Toledo refírese a manter o poder adquisitivo das nosas pensións e que iso acaba de ser vulnerado polo Goberno socialista ao conxelar unilateralmente as pensións, rachando asó o devandito Pacto.
Manifestei finalmente a disposición do PP a traballar na comisión do Pacto de Toledo na procura dun amplo acordo e consenso para as reformas necesarias e xustas que tamén en materia de pensións España necesita.