martes, 4 de enero de 2011

Apoio a racionalización do gasto na prestación farmacéutica de Galicia


Quero manifestar o meu apoio a política da Consellería de Sanidade, pois está afrontando con rigor a búsqueda da sostenibilidade do sistema público sanitario.

Vivimos unha situación de crise económica aguda, cun deterioro enorme das finanzas públicas e iso esixe adoptar medidas efectivas e urxentes.

Neste contexto é imprescindible adoptar políticas para racionalizar e controlar o gasto farmacéutico, que representa o 12% do presuposto total da Comunidade Autónoma.

Unha desas decisións responsables ten sido a aprobación por parte do Parlamento de Galicia, e no marco das competencias estatutarias, da Lei 12/2010 de 22 de decembro que contempla un Catálogo Priorizado de Medicamentos que acaba de aprobar a Xunta e que non menoscaba ningún dereito nin prestación, nin a liberdade de prescrición dos profesionais.

Trátase pois de mellorar a eficiencia do gasto farmacéutico a través do financiamento selectivo de medicamentos, garantindo que todos os principios activos de todos os medicamentos terán o 100% de financiamento público e asumindo o compromiso de dedicar os aforros por estas actuacións –en torno a 100 millons anuais - a construír un novo Servizo galego de Saúde con hospitais públicos novos e mellorando os existentes, con mais dotación tecnolóxica, e con mais centros de saúde.

E esixible que desde o Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade - que debe garantir a sostenibilidade do Sistema Nacional de Saúde- se actúe con rigor, respete e apoie a iniciativa do Parlamento de Galicia adoptada no marco das súas competencias e que traballe coa Consellería de Sanidade nun entorno de lealdade institucional.