jueves, 20 de enero de 2011

En ECO, a Revista do Eixo Atlantico



Hai poucos días saía á rúa o número 236 da Revista do Eixo Atlántico, ECO.

A analizar o pasado ano e as previsions para este que acaba de comezar, adica ECO este número de xaneiro. Neste senso recibin o ofrecemento para dar a miña opinión plasmada neste artigo que reproduzo de seguido.

"2010: Un ano para esquecer"

. 2010 será recordado polos recortes sociais sen precedentes e o empobrecemento dos cidadáns: a rebaixa do soldo dos funcionarios, os problemas financeiros, a conxelación unilateral das pensións, que rompeu o Pacto de Toledo, e polas subidas de impostos.

. Quen sacará a España desta terrible crise será un novo Goberno, e isto cada vez enténdeno máis españois pensen como pensen e sexan do partido que sexan.

O ano 2010 pasará á historia de España como un ano aciago. A tráxica realidade española é o resultado da xestión política de Rodríguez Zapatero, que se resume en catro millóns oitocentos mil parados, o 20,2% da poboación activa, que se eleva, no caso da xente nova, ata un vergoñoso 42%. É dicir, que máis de 20 españois, de cada 100 que queren traballar, non o poden facer. Unha situación inaceptable e intolerable.

Pechamos 2010 co dobre de taxa de desemprego ca a UE, o triplo de taxa de desemprego que Alemaña e máis do dobre que Francia, cando hai uns anos tiñamos menos porcentaxe de desemprego que estas dúas grandes nacións. Ademais, o noso crecemento económico é practicamente negativo, mentres que Europa está crecendo o 1,9% e Alemaña o 3,7%, e temos un déficit descomunal, o segundo máis alto da UE, e unha enorme débeda.

Conclúe 2010 cunha crecente desconfianza no Goberno, tanto dentro como fóra de España. Unha desconfianza que o Goberno socialista se gañou a pulso, polo que fixo e polo que non fixo. Polas súas frivolidades e improvisacións, polos seus bandazos, a súa falta de criterio, por carecer dun plan para abordar reformas do Estado e que permitan gañar en credibilidade, en austeridade e en facer a nosa economía máis flexible e competitiva.

E esa desconfianza en España traduciuse en menos investimento, menos consumo, menos crédito e máis retroceso do benestar.

A asfixia financeira segue sendo outro problema da economía española, que ten dúas caras: o altísimo endebedamento das nosas familias e das nosas empresas e a notable escaseza de crédito, porque hai moito menos agora do que había antes.

E non digamos dos moi serios problemas de financiamento da Administración central, do conxunto da Administración autonómica e dos concellos, que teñen enormes dificultades para pagar aos acredores e facer fronte ás súas obrigacións.

Fóra de España, desde os mercados -que necesitamos para financiarnos-, esa desconfianza tradúcese en dúbidas serias sobre a nosa solvencia e sobre a nosa capacidade para reducir o déficit público.

2010 será recordado polos recortes sociais sen precedentes e o empobrecemento dos cidadáns: a rebaixa do soldo dos funcionarios, a eliminación da dedución dos 400 euros, a baixada das partidas da dependencia e a discapacidade. Recordarase pola conxelación unilateral das pensións, que rompeu os consensos do Pacto de Toledo; polas subidas de impostos aos cidadáns en xeral, independentemente do nivel de renda, a través do incremento do IVE, dos tipos impositivos ao aforro ou dos impostos especiais.

Foi tamén o ano no que o Goberno -que presumía de talante- preferiu gobernar usando e abusando do Decreto lei e sorprendéndonos cada dous ou tres meses cun novo paquete de medidas e cunha política que se caracterizou pola inexistencia dun plan e por pensar unicamente a curto prazo.

Así, a reforma laboral, tras o fracaso de dous anos de diálogo social, fíxose tamén por medio do Real decreto lei. Unha reforma que terminou como comezou, na máis absoluta soidade, sen apoio dos sindicatos -que promoveron unha folga xeral- nin dos empresarios, e sen o respaldo dos expertos nin das institucións económicas e sociais, que analizaron e criticaron o seu contido.

A reforma laboral de Zapatero non foi presentada para contratar, senón para despedir, cando o que necesita España non é facilitar o despedimento, senón fomentar a contratación.

Malia este panorama desalentador, desde o PP afrontamos o 2011 coa vontade de saír desta profunda crise e co propósito de seguir axudando a resolver os problemas dos cidadáns. Porque outra política é posible. Cando gobernaba o Partido Popular, España lideraba a creación de emprego en Europa, a débeda pública española cotizaba mellor ca a débeda alemá, creábanse miles de empresas e a facenda pública estaba saneada grazas a unha esixente disciplina orzamentaria.

Para que os españois volvan crer en nós hai que recuperar a senda do crecemento, acometer as auténticas reformas e retomar estes instrumentos de control e transparencia, reforzar o carácter obrigatorio da Lei de estabilidade orzamentaria e involucrar todas as administracións publicas nas súas esixencias.

Os cidadáns queren que no noso País se restaure a verdade, o esforzo e a certeza, que se fale de aforro e de responsabilidade.

Os populares, liderados por Mariano Rajoy, temos vocación de goberno e para a maioría, que está no centro, na moderación, somos un partido no que caben todos, que acredita seriedade, sensatez e rigor, e que se ocupa dos problemas reais das persoas. En 2011 temos a lexítima aspiración de que tras as eleccións locais gobernemos en máis Comunidades Autónomas e moitos máis concellos. E cando sexan convocadas eleccións xerais e se lles permita decidir aos españois, esperamos que nos outorguen a súa confianza.

Como dicía hai pouco a nosa portavoz no Congreso, Soraya Saénz de Santamaría, a saída social da crise será a saída dos socialistas da Moncloa. Quen sacará a España desta encrucillada sen saída, desta lameira, será un novo Goberno, e isto cada vez enténdeno máis españois, pensen como pensen e sexan do partido que sexan."

Recomendo a compra e lectura desta excelente Revista galega na que se recollen interesantes e plurais opinións, nun formato de gran calidade.

http://www.ecodixital.com/contidos.php