lunes, 10 de enero de 2011

Sobre a declaración de ETA


Hoxe coñecemos a declaración de ETA, que se autodenomina organización socialista revolucionaria, pola que dá a coñecer a súa decisión de declarar un cesamento do fogo permanente e de carácter xeral e que pode ser verificado pola comunidade internacional.

É a cuarta vez nos últimos anos, que se nos anuncia un cesamento do fogo que logo é roto de modo violento.

Recordo perfectamente como ETA rompeu sen aviso algún a última tregua o 30 de decembro de 2006 co atentado do aparcadoiro do aeroporto de Barajas, no que foron asasinados dous mozos ecuatorianos que se atopaban durmindo no interior do vehículo, e que na orde material destrui por completo o módulo D do aparcadoiro da T 4 e np que a descomunal explosión causou danos de enorme importancia en 863 vehículos, un deles da miña propiedade que tiña ali estacionado por mor dunha viaxe.

En relación coa nova declaración de ETA súmome á moi clara posición do meu partido expresada por Mariano Rajoy que é a de que o único comunicado de verdade importante que podía transmitir a organización terrorista ETA ao conxunto da sociedade española era o anuncio da súa disolución e o fin das súas actividades criminais, e ás suas palabras sobre que  “este cesamento do fogo que agora se nos anuncia é unha pausa, non é unha renuncia á actividade criminal. Supón reafirmar a súa vontade de seguir existindo, non se arrepinte de nada e non pide perdón ás vítimas do terrorismo”

Coincido con Rajoy en que non se pode pagar ningún prezo político para o cesamento dunha actividade terrorista, porque iso suporía converter ao terrorismo nun instrumento para facer política.

E tamén comparto a súa conclusión sobre que o Estado de Dereito debe seguir cumprindo as súas obrigacións, tanto as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, como o Poder Xudicial, e como a Administración Penal. E tamén que o Partido Popular segue estando disposto a colaborar co Goberno para derrotar ao terrorismo no marco do Pacto polas Liberdades e contra o Terrorismo.