Hoxe ás 8,35 tivemos o habitual faladoiro semanal de Radio Voz que dirixe Antía Díaz e na que opinamos tres deputados en Cortes, Francisco Jorquera, Xavier Carro e eu mesmo.
Falamos en exclusividade da convalidación do Real Decreto-lei 2/2011, de 18 de febreiro, para o reforzamento do sistema financeiro que tivo lugar onte no Congreso e que foi posible grazas aos votos do Grupo Socialista e Converxencia i Unió.
Nas miñas intervencións expliquei a posición de abstención do Grupo Popular e que ten un enorme valor pués por primeira vez, non apoiamos unha norma para a reestruturación do sistema financeiro.
Dixen que se trataba dun proceso equivocado con efectos moi restritivos no crédito para o conxunto da economía, especialmente ás PEMES, autónomos e familias. Deixa en desvantaxe ao noso sistema financeiro respecto ao resto de entidades europeas e mundiais, xa que esixe ás nosas Caixas e Bancos hoxe uns requisitos moi custosos, máis aló do que os demais terán que cumprir en 2018.
E apuntei que é unha regulación discriminatoria porque trata de forma desigual a caixas e bancos e que os feitos acreditaron que tamén está tratando de forma desigual ás caixas dunhas comunidades e a algunha caixa doutra.
Comentei o arduo proceso negociador a todos os niveis que o PP e a Xunta mantiveron ata o último instante en Madrid para que se fixese polo Goberno e o supervisor bancario unhas interpretacións flexibles do Decreto que fixesen máis factible a recapitalización de Caixa Galicia, pero que a cerrazón de ambos o impediu. E lamentei a falta de axuda dos dous socialistas galegos que sentan no Consello de Ministros, e tamén do PS de G.
Tamén resaltei o carácter improvisado do Decreto pués cambiou dun domingo para un luns o que tiñan que cumprir as entidades e a súa arbitrariedade xa que dá a chave de moitísimas decisións ao Banco de España.
Dixen que por culpa deste Decreto, resultará imposible a Novacaixagalicia conseguir 2.622 millóns de euros antes de setembro e que terá que acudir a operar con ficha bancaria e chegar ao chegar ao 8% de capital principal, captando en moi pouco tempo 1.527 millóns.
E que a isto chegamos, entre outras razóns, por considerar o Goberno irrelevante os procesos de saneamento levados a cabo en Galicia e precisamente a instancias do Banco de España que definira iso como o seu primeiro obxectivo.
Terminei dicindo que non renunciamos á nosa aspiración de manter en Galicia unha entidade financeira propia e solvente e que seguiremos traballando nese obxectivo.