lunes, 14 de marzo de 2011

Sobre a Biblioteca e o Arquivo Histórico Provincial de Ourense


Hai escasos días os deputados ourensans no Congreso, recibimos unha resposta do Goberno na que o Executivo de Zapatero recoñece que con cargo ao proxecto de Biblioteca e Arquivo Histórico Provincial de Ourense só se recoñeceron en 2010 obrigacións por importe de 78.973,55 €, cando o orzado foron 1.565.000 €. Isto supón que quedaron sen gastar un total de 1.486.026 €, é dicir, o 95 % do orzado.
Denunciamos que estas lamentables cifras de execución orzamentaria veñen a sumarse ás dos catro anos precedentes e demostran a total falta de interese dos socialistas neste proxecto.

No período 2005-2010, o Ministerio de Cultura presupuestou para este proxecto un total de 15.065.000 €, dos que tan só executou 1.943.490 € (12,90 %), polo que deixou sen gastar 13.121.510 € (87,10 %).

Recordo que as obras iniciais foron adxudicadas o 4 de novembro de 2003, por importe de 15.062.309,70 €, sendo Pilar del Castillo Ministra de Cultura, e destaco que desde abril de 2004, data na que accedéron ao Goberno os socialistas, pasaron xa polo Ministerio de Cultura tres titulares: Carmen Calvo, César Antonio Molina e Ángeles González Sinde, sen que ningún consiga terminar as obras.

Todo indica que os ourensáns teremos que esperar de novo a un Goberno presidido por Rajoy para que alguén se encargue de rematar e inaugurar estas obras.

O 27 setembro 2006 no Senado, a ministra Carmen Calvo comprometía formalmente diante da nosa senadora Mercedes Gallego o fin das obras en 2007 e evidentemente iso non ocorreu.

En outubro de 2009, a actual ministra González Sinde comprometeu como data de finalización a de outubro de 2011 e recentemente, en decembro de 2010, prognostícase na Lei Xeral de Orzamentos a súa finalización en 2013.

Estamos tamén moi preocupados, pois desde o punto de vista orzamentario a consignación para 2011 é de tan só 20.000 €, unha cifra ínfima tendo en conta que o presupostto final da obra ascenderá a 29.394.480 €, dos que polo momento levan gastados 9.213.980 €, é dicir quedarían por gastar 20.180.500 €.

A pésima xestión dos ministros socialistas de Cultura viuse acompañada pola incompetencia e incapacidade do actual equipo de goberno municipal de Ourense, que non conseguiu defender os intereses da cidade e desbloquear os problemas cos que se atopou esta obra.

Basta recordar que o 4 de setembro de 2007 o alcalde de Ourense entrevistouse co seu compañeiro de partido, o Ministro de Cultura, César Antonio Molina, e á saída daba por resoltos os atrasos nas obras. E que o 6 de xuño de 2008 o alcalde, Francisco Rodríguez, anunciou novamente de forma triunfal nun Pleno municipal que as obras do complexo de San Francisco estaban definitivamente desbloqueadas. Nada máis lonxe da realidade como acreditan as seguintes demoras.