Hoxe pola mañá tivemos Pleno do Congreso pois tiña lugar a comparecencia do presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, para dar a coñecer o Acordo do Consello de Ministros de 18 de marzo de 2011, polo que se dispón a participación de forzas armadas españolas na resolución da crise de Libia, en aplicación das resolucións 1970 (2011) e 1973 (2011) do Consello de Seguridade de Nacións Unidas.
A comparecencia de Zapatero resultaba obrigada por definilo así artigo 17 da Lei Orgánica de Defensa Nacional, que determina que "para ordenar operacións no exterior que non estean directamente relacionadas coa defensa de España ou do interese nacional, o Goberno realizará unha consulta previa e solicitará a autorización do Congreso dos Deputados".
Logo da intervención do Presidente do Goberno, fíxoo o presidente do PP Mariano Rajoy que recordou que, segundo a Constitución de 1978, corresponde ao Goberno tomar as decisións relativas a Política Exterior e Defensa e que por iso participamos neste conflito porque así o decidiu Zapatero, que non quixo faltar a esta cita internacional onde quere que España ocupe un posto en primeira liña.
Dixo que o Goberno "entende que se debe actuar deste xeito e o PP non se vai a opor, nunca o fixo en operacións desta natureza, nin con Adolfo Suárez, nin con Felipe González nin con José Luís Rodríguez Zapatero". E engadiu que nos limitamos a ser coherentes coas nosas propias ideas"
Puxo de manifesto que "buscamos o acordo en materia de Defensa sen que a nosa postura varíe". E engadiu que xa fai catro días que comezaron os bombardeos en Libia. As nosas Forzas están xa na zona, España xa está comprometida. Non se trata só das Forzas Armadas, é toda España a que asume os riscos ante este conflito armado". Por esta razón, Rajoy pediu "seriedade e sentido da responsabilidade".
Finalmente, Mariano Rajoy asegurou que a razón máis importante pola que o PP apoia ao Goberno nesta decisión é "a defensa da liberdade e dos dereitos humanos en Libia", onde Gadafi está masacrando á poboación. "Como se entendería que permanecésemos impasibles ?", concluíu.
Logo das demais intervencións, o Pleno do Congreso dos Deputados ratificou, por 336 votos a favor, 3 votos en contra e unha abstención, o acordo polo que se dispón a participación das tropas españolas na resolución da crise en Libia.