miércoles, 16 de marzo de 2011

Reiteramos o compromiso co Pacto do Obradoiro e insistimos en que o PSOE debe demostrar o seu apoio ao AVE galego co BOE


Hoxe os deputados galegos do PP remitimos os medios de comunicación unha nota na que consideramos que o PSOE debe demostrar o seu apoio ao AVE galego no BOE e non perder o tempo buscando inimigos inexistentes.

Os populares galegos agradecen a aclaración da secretaria xeral do PP, María Dores de Cospedal, que deixou claro que o PP nacional nunca cuestionou o AVE galego e sempre o apoiou.

Recordamos que, desde o ano 2004, os responsables do Goberno son os socialistas, e son eles os que teñen a responsabilidade de elaborar os Orzamentos Xerais do Estado, os que licitan os proxectos e adxudican as obras, os que priorizan as actuacións e só eles teñen competencia sobre o que sae no BOE. Son os socialistas, polo tanto, os que terán que dar explicacións a todos os galegos se non o fan.

Estes días estivemos asistindo a un patético intento dos socialistas por desviar a atención dos seus problemas internos, tras coñecerse que Facenda podería estar pondo problemas á macrolicitación dos proxectos pendentes do AVE a Galicia. Non imos consentir que pretendan intentar que cale na cidadanía galega a sensación de que o PP fixo algún intento de atrasar nin un só día a posta en marcha do AVE a Galicia.

Entendemos que o PSOE aferrouse á coincidencia no tempo dunhas lamentables declaracións do deputado de CIU Pere Macías, absolutamente condenables por insolidarias, para manipular as declaracións de Dolores de Cospedal intentando trasladar á opinión pública a existencia dunha presunta conspiración do PP contra o AVE galego.

Subliñamos que a posición dos populares neste tema sempre foi, tal e como recordou onte no seu discurso sobre o Estado da Autonomía Alberto Núñez Feijóo, de absoluta lealdade. O PP galego fixo un exercicio de realismo.
Os galegos tiveron que aceptar durante anos aquilo de que o AVE estaría funcionando primeiro no 2009, logo no 2012, e o PP, esquecendo a mentira que supuxo que mentres isto se dicía o Goberno non fixese nada, asinou a pesar de todo o Pacto do Obradoiro aceptando que o Goberno socialista recorrese á colaboración público-privada para financiar todo o que resta do AVE a Galicia e aceptou tamén, en decembro, unha prórroga de tres meses para que se liciten os proxectos pendentes. Todo para que nunca se poida achacar ao PP, como tivo que recoñecer o PSOE, que estivo nunha huída cara adiante en relación ao AVE galego.

Coidamos que se deron mostras máis que suficientes de responsabilidade, a diferenza do que fixeron estes días distintos dirixentes socialistas que teñen acusando ao PP nacional de estar nunha conspiración contra o AVE galego e tiveron a covardía de acusar a Núñez de Feijóo de gardar silencio a propósito de que estaban mentindo.

Ninguén defendeu máis nin pediu máis o AVE para Galicia que o PP, e así o demostran os centenares de iniciativas parlamentarias defendidas no Congreso e no Senado.

Para nos, o PSOE debería preocuparse máis de licitar os compromisos e cumprir con Galicia que de intentar buscar escusas para explicar a priori os seus propios incumprimentos.