Hoxe viaxei a Santiago de Compostela para asistir á homenaxe que se rendía a José Ramón Cólera Leirado con motivo da súa recente xubilación, logo dos moitos anos ao servizo do Parlamento de Galicia.
José Ramón Cólera, que nos seus comezos traballou na administración local, foi unha peza mestra do equipo fundacional da nosa comunidade autónoma, redactor das normas básicas de organización e funcionamento do noso Parlamento de Galicia ao que serviu con brillantez durante seis lexislaturas como oficial maior.
Tiven a oportunidade de traballar ao seu lado desde 1997 ao ano 2000 na miña etapa como deputado e Vicepresidente Primeiro do Parlamento de Galicia e puiden constatar o seu enorme rigor, coñecemento xurídico, capacidade de traballo, seriedade, discreción e entrega a un labor de altísima responsabilidade, todo iso desde unha exquisita independencia.
Ademais as súas calidades humanas, as súas profundas reflexións e a súa bonhomía serviron para que os seus compañeiros funcionarios do Parlamento de Galicia e os deputados que polo Pazo do Hórreo pasamos profesémoslle un profundo agarimo e admiración.
E eses sentimentos foron os que se respiraron hoxe no salón monumental do Hotel San Francisco, onde nos reunimos con José Ramón, familiares, amigos, compañeiros e unha ampla representación de deputados autonómicos de todos os signos políticos e lexislaturas.