Hoxe os deputados galegos do PP presentamos no Congreso dos Deputados unha solicitude de comparecencia para que o ministro de Fomento, José Blanco, informe con detalle en sede parlamentaria, do acordo do Consello de Ministros de data 7 de abril de 2011 polo que se autoriza ao Ministerio de Fomento á licitación, a través de Adif, do contrato de colaboración público-privada para a redacción dos proxectos e a execución das obras de montaxe de vía da nova conexión de alta velocidade no tramo comprendido entre Olmedo (Valladolid), Zamora e Ourense, así como o mantemento do tramo Olmedo-Ourense-Santiago de Compostela.
Entendemos que é absolutamente necesaria e de xustiza a vertebración de Galicia e impulsar a actividade económica da CC.AA. coa chegada da alta velocidade e subliñamos que a importancia e a envergadura deste proxecto merece que os galegos, que levan 23 anos esperando, reciban unha explicación pormenorizada que permita acabar con calquera incerteza técnica, administrativa ou económica respecto da obra e os prazos.
Recordamos que aínda non coñecemos os termos exactos relacionados co financiamento e o único que sabemos dos prazos técnicos é que o ministro Blanco insiste en que estarán fixados nos pregos de adxudicación, pero é que todos sabemos que o feito de pór unha data nun papel non garante o seu cumprimento e que os técnicos comezan xa a dubidar do 2015 e a falar do 2018 como data para a chegada da alta velocidade.
Imos ser cautelosos na valoración da autorización da licitación das obras emitida o pasado venres polo Consello de Ministros e recalcamos que tras coñecer que si haberá parte financiada convencionalmente por orzamentos a través de Adif non se entende moi ben por que non se axilizou máis esta parte. Neste sentidoxa que unha parte importante do investimento vaise a mobilizar a través de Adif, e loxicamente Adif está suxeito ás restricións que está sufrindo a administración pública, os galegos deben coñecer os mecanismos polos que a capacidade financeira do ente público non só estea garantida para este ano, senón tamén en 2012, 2013, 2014 e 2015.