O pasado domingo estiven nun mitin no Barco de Valdeorras, para apoiar a nosa candidatura as municipais que encabeza Moisé Blanco Paradelo.
Nese acto electoral interviú o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que adicou unha boa parte da sua intervención a un tema esencial, a cooperación que debe ser unha opción a escoller ante o enfrontamento dos bipartitos nos concellos municipais, ante as diferenzas entre Comunidades que ten querido crear o Goberno de España e ante a política que pretende dividir á sociedade.
E tamén, debe ser a alternativa á descoordinación localista que reina entre as cidades, aos intentos de confrontar concellos veciños e ten que ser a aposta clara para acadar a unidade dun único goberno que teña un liderado e un programa útil a desenvolver.
Neste sentido saliento nesta entrada o que o noso programa electoral plantexa sobre a cooperación como medio para mellorar os servicios locais.
Fálase de que a crise económica, coas súas consecuencias sobre a sustentabilidade das contas públicas, está evidenciando a necesidade de mellorar a atribución de competencias entre os distintos niveis territoriais de goberno, respectando sempre o principio de subsidiariedade. É perentorio aclarar o marco competencial dos distintos niveis de goberno, e moi especialmente dos concellos, que en moitas ocasións vense desbordados ata para prestar os servizos básicos aos que a lei os obriga; canto máis para desempeñar as competencias chamadas “impropias”, isto é, as que asumiron como consecuencia da súa proximidade ás persoas e a necesidade de actuar ante o deixamento doutras administracións.
É neste marco da necesaria redefinición das competencias locais e o seu financiamento, no que algúns expuxeron a posibilidade de reformar a planta local para, do mesmo xeito que outros países europeos fixeron no pasado, reducir notablemente o número de concellos españois e galegos.
O PPdeG considera que é necesario racionalizar os poderes locais, pero respectando sempre a autonomía local, que é o mesmo que dicir a vontade de todos os veciños e veciñas dos concellos de Galicia.
Airmase que as demandas dun uso máis eficiente dos escasos recursos públicos dos que dispoñen os entes locais poden ser satisfeitas ademais, a curto prazo e sen necesidade de caer na imposición de plantas municipais artificiais, a través do impulso da cooperación entre as administracións: reforzando os instrumentos voluntarios de cooperación municipal, como os consorcios e as mancomunidades; as áreas metropolitanas; ou reformando o papel das deputacións como entes especializados na asistencia aos concellos pequenos e medianos.
Mecanismos que, para o seu éxito, requiren de visión de país, de vontade política para buscar consensos políticos e territoriais duradeiros, e de vocación de servizo público: trátase, en definitiva, de cooperar para prestar mellores servizos a todos os cidadáns de Galicia.
E asumindo como propio o compromiso político de facer da cooperación interadministrativa un dos instrumentos fundamentais para a mellor prestación de servizos públicos locais a todos os veciños e veciñas dos concellos galegos, os candidatos do PPdeG comprométense a impulsar medidas como as seguintes:
1. Demandar nos ámbitos nos que estean representados, a definición dun sistema competencial claro e preciso dos Gobernos Locais que beneficie directamente ao cidadán e clarifique os servizos que se prestan sen título competencial, ou sen financiamento suficiente; coa vontade de solucionar o grave problema xerado pola prestación dos servizos impropios realizados polas Entidades Locais en substitución doutras Administracións Públicas.
2. Fortalecer e modernizar o papel das Deputacións Provinciais, creando unha Carta provincial de servizos e actualizando os seus labores, especialmente na súa función de asistencia e cooperación cos municipios pequenos e medianos. Impulsando o papel das deputacións como entes prestadores de servizos para os concellos de menor tamaño, de xeito subsidiario e voluntario, coa finalidade de reducir custos e incrementar a calidade de servizos a percibir por parte dos cidadáns
3. Coordinar coa Xunta de Galicia dende as Deputacións Provinciais, as actuacións destes últimos entes; coa finalidade de evitar duplicidades e gastos innecesarios. Impulsando unha planificación concertada de recursos entre os niveis autonómico, provincial e local da organización territorial para prestar un mellor e eficiente servizo ao cidadán.
4. Demandar nos ámbitos nos que estean representados unha corrección do déficit de representación institucional que teñen os gobernos locais e, para iso, o recoñecemento do dereito a participar nos Órganos de decisión e negociación dos sistemas de financiamento.
5. Promover, nos ámbitos nos que estean representados, un transvase efectivo de competencias en base ó desenvolvemento do Pacto Local, tendo en conta as características, posibilidades e recursos de cada un dos entes locais.
6. Propoñer e impulsar no ámbito das rexións urbanas de Galicia, tendo en conta as iniciativas dos concellos, Áreas Metropolitanas con personalidade xurídica como novo ámbito de gobernanza e cooperación territorial.
7. Impulsar acordos para a cooperación e o tratamento supramunicipal de aspectos como a ordenación do territorio, a planificación estratéxica no ámbito económico, a conservación dos espazos naturais, así como a xestión dos servizos básicos, con atención especial aos que afectan á mobilidade dos cidadáns.
8. Impulsar a xestión compartida de servizos esenciais de concellos limítrofes, a través de fórmulas consorciais e mancomunadas, co obxectivo de conseguir unha maior eficiencia na xestión, uns servizos de igual calidade nos municipios implicados, e unha redución de custos.
9. Promover liñas de asociacionismo con outros concellos do seu ámbito inmediato para a xestión conxunta ante provedores de bens e servizos, creando centrais de compra.
10. Estender o diálogo e a cooperación coas demais administracións públicas de carácter institucional ou societario radicadas nos concellos, co fin de aproveitar as vantaxes mutuas derivadas desta cooperación en todos os ámbitos (urbanístico, utilización de espazos, concertación de accesos e transporte, prestación de servizos, integración nas cidades, etc.). Moi particularmente, as accións de cooperación dirixiranse cara ás Autoridades Portuarias e as Universidades, así como á Xunta de Galicia (centros educativos).