martes, 17 de mayo de 2011

SOTOURENSE: Fomento aproba o estudo para o soterramento do AVE en Almería pero segue negándoo en Ourense


Onte, 16 de maio o Ministerio de Fomento publicou no BOE o anuncio de aprobación do expediente de información pública e audiencia do estudo informativo da integración do ferrocarril na cidade de Almería, unha actuación á que se destinarán 283,8 millóns de euros e que na miña opinión pon de manifesto un novo agravio de José Blanco e do Goberno socialista cara aos ourensáns.

Na nota de prensa difundida por Fomento especifícase que o incremento de custo que supón os cambios introducidos en Almería respecto dos 244,2 millóns de euros da solución inicial do estudo informativo ascende a case 40 millóns de euros, dos que 4,2 millóns corresponden á variación do tipo do IVE e 35,4 millóns ás melloras que introduce a nova solución técnica. E este financiamento adicional correrá exclusivamente a cargo do Ministerio de Fomento, tal como manifestou o subsecretario do departamento o pasado 11 de febreiro.


Coa aprobación deste estudo informativo, Fomento asegura que se culmina a definición na provincia de Almería do trazado da liña de alta velocidade ferroviaria que chegará desde Murcia, á vez que se facilita a completa liberación dos chans actualmente ocupados por instalacións ferroviarias para a dotación de equipamentos urbanos e para superar a división da cidade que resulta do actual trazado das vías en superficie.

Segundo difunde na súa web o Ministerio de Fomento, o estudo informativo da integración en Almería inclúe:

- Rebaixa da cota de vías e plataformas da futura estación desde os 4,5 metros ata ao redor dos 10 metros de profundidade, o que permite a ordenación do espazo sobre as vías sen restricións urbanísticas e con total liberdade para dispor viarias rodados e peonís.

- Soterramento do vestíbulo principal da estación, a cota de plataformas, de maneira que a ocupación en superficie sexa a mínima.

- Incorporación de polo menos unha vía adicional con plataforma. Analizaranse as posibilidades de mellorar aínda máis a súa funcionalidade.

- En canto á configuración de vías e necesidades da área de instalacións auxiliares e reposición de talleres, nos posteriores proxectos ADIF e RENFE determinarán exactamente a disposición e configuración de vías a dispor, en función das súas necesidades, nos espazos reservados.

 Agravios a Ourense:

Todo o aprobado onte luns no BOE supón unha serie de agravios á cidade de Ourense e aos ourensáns, aos que se marxina e déixase sen a opción de soterrar as vías con escusas que en Almería valeron xustamente para xustificar con entusiasmo a necesidade do soterramento.

1. En Almería o protocolo de actuación para a integración urbana do ferrocarril asínase o 19 de xuño de 2008 entre as tres administracións (Fomento, Xunta de Andalucía e Concello). En Ourense o protocolo asínase a última hora, o 12 de abril de 2011, entre só dúas administracións Fomento e Concello, excluíndo á Xunta de Galicia, á que non se deixa modificalo para introducir o estudo do soterramento, como demanda a cidadanía de Ourense.

2. En Almería acórdase rebaixar a cota de vías e plataformas da futura estación desde os 4,5 metros ata ao redor dos 10 metros de profundidade, o que permite a ordenación do espazo sobre as vías sen restricións urbanísticas e con total liberdade para dispor viais rodados e peonís. En Ourense imponse as vías en superficie e xa que logo négase o soterramento.

3. En Almería a cidadanía leva anos demandando o soterramento e Fomento facilitou a maior participación posible de particulares, institucións e administracións interesadas na formulación de observacións sobre o soterramento e ao final aceptáronse (máis dun centenar)., do que persoalmente me alegro.

En Ourense, as alegacións cidadás reclamando o soterramento formuláronse en outubro de 2009 (sobre un milleiro) e a data de hoxe non se contestaron e todo indica que foron desoídas. Chegouse ata a desprezar e a ameazar ás organizacións empresariais e aos técnicos que defenden o soterramento.

4. En Almería, Fomento xa anunciou que se fará cargo do aumento do sobrecusto da infraestrutura, que ao ser integral dispara o seu valor desde os 244 aos 283,8 millóns de euros. En Ourense regatéanse os orzamentos.

5. En Almería Fomento “vendese” o soterramento alegando que facilita a completa liberación dos chans actualmente ocupados por instalacións ferroviarias para a dotación de equipamentos urbanos e para superar a división da cidade que resulta do actual trazado das vías en superficie. En Ourense, onde Fomento nega o soterramento, o ministro José Blanco pretende “vender” xusto o contrario, coa inestimable complicidade do bipartito municipal (PSOE-BNG), e consagrando a fractura actual no barrio da Ponte.

O PP non vai deixar de defender o sentir maioritario da cidadanía de Ourense para reclamar unha integración ferroviaria que inclúa o soterramento e seguirá denunciando todos os agravios e promovendo iniciativas parlamentarias para conseguir o tan ansiado e xusto obxectivo,

http://www.laregion.es/noticia/154683/agravio/soterrar/ferrea/almeria/ourense/
http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2011/05/18/0003_201105O18C1992.htm