lunes, 27 de junio de 2011

Sobre cidadáns e políticos


Hoxe o diario "La Región" publica unha reportaxe do xornalista Hector Díaz que titula "Políticos e cidadáns divórcianse". Recolle de modo resumido a opinión de tres parlamentarios, unha deputada do PSOE, Margarita Pérez Herráiz, un Senador do BNG, Xosé M. Pérez Bouza e a miña propia.

Estas foron as preguntas e as miñas respostas:

1- ¿Cre que existen razóns para a desafección dos cidadáns cara á clase política?

O barómetro do CISS de abril de 2011 pon de manifesto que a clase política é para os enquisados o terceiro dos problemas actuais de España, aínda que a unha enorme distancia do paro (primeiro problema para o 82,5%) e dos problemas de índole económica (segundo problema para o 47,2%).

Pero esa baixa valoración non a cualificaría como de desafección, xa que os cidadáns seguen votando e con maior intensidade.

Temos o recente exemplo das pasadas eleccións municipais do 22 de maio de 2011 onde a participación de electores no conxunto de España ascendeu a 22.971.350, o que supuxo un 66,23 % de participación, cando nas anteriores municipais de 2007 fora do 63,97 %

2- ¿ Cre que sería necesario introducir cambios para recobrar a confianza dos cidadáns?

Desde logo unha sociedade inamovible, está chamada ao fracaso e hai que seguir facendo reformas e cambios. Para que haxa cambios necesítanse eleccións xerais que traian un novo goberno que saque a España da horrible crise que vivimos. Os resultados das eleccións autonómicas e locais evidenciaron a enorme vontade de cambio que teñen os españois.

Só recuperando a confianza, sairá este país adiante.

3- ¿Coinciden os intereses e as reivindicacións dos cidadáns cos obxectivos e as prioridades dos partidos?

Polo menos para o Partido Popular, si. Os nosos programas proporcionan respostas aos problemas reais da cidadanía: paro, falta de crédito, ausencia de investimento, sanidade, educación, pensións, etc.

4- ¿Medidas como a proposta de Bono de reducir a dous días a actividade parlamentaría contribúen a ese visión negativa desde a cidadanía?
O Partido Popular non comparte o criterio de D. José Bono. E a nosa vontade clara é a de que as sesións parlamentarias teñan a duración habitual, de martes a xoves, é dicir tres días.

Se o Pleno ultimamente non se reúne os xoves é por que a iniciativa lexislativa do Goberno socialista está reducida á súa mínima expresión, dado que os xoves resérvanse para a tramitación de proxectos gobernamentais.

Ademais este mes de xullo, haberá dous Plenos extraordinarios de tres días cada un.

En todo caso hai que precisar que a actividade parlamentaria vai moito máis alá da actividade no propio Congreso coa asistencia a Pleno e Comisións.

Os parlamentarios exercemos o noso traballo todos os días e non só en Madrid, pois o facemos especialmente nas nosas circunscricións.