domingo, 26 de junio de 2011

Orzamentos perdidos


Hoxe na edición local de La Voz de Galicia, o xornalista Antonio Nespereira publica un interesante traballo que titula “O Goberno ten sen investir 30 millóns en dúas obras na capital”

Apunta que o goberno central comprometeu para este ano actuacións en Ourense por valor de 253 millóns de euros, dos que máis da metade irían destinados ao AVE e que os Orzamentos do Estado para 2011 prevían ademais novas obras que, coa metade do ano case vencido, poderían quedar novamente sen executar.

E detense en dúas obras que acumulan anos de atraso, cunha perda de 30 millóns de euros que foron orzados nos últimos exercicios. Trátase da biblioteca pública e o arquivo de San Francisco e da depuradora de Reza.

Ademais refírese no seu traballo á variante norte, que unirá A Ponte con Quintela de Canedo segue esperando desde 1997 , da paralización das obras da autovía a Lugo (A-56), suspendidas desde fai un ano, e das carencias de Valdeorras onde seguen esperando o comezo das obras da circunvalación do Barco e da Autovía A-76 Ourense-Ponferrada.

Continua a súa documentada reportaxe dando conta de que os esforzos que se están materializando teñen que ver coa realización das obras do AVE, especialmente no que se refire á liña entre Ourense e Santiago. Logo alude ao tramo Lubián-Ourense, cuxa complexidade técnica obrigará a pór encima da mesa unha cantidade inxente de diñeiro e é aquí cando me cita, para recordar as moitas veces que teño reiterado que quedan importantes partidas de diñeiro sen gastar dos Orzamentos do Estado do pasado ano.