Hoxe difundín unha nota de prensa na que dou a coñecer que mentres que o Ministerio de Fomento segue negando a Ourense o soterramento dos últimos mil oitocentos metros da súa integración ferroviaria, non dubida en impulsalo activamente noutras cidades de España.
Só durante o recentemente terminado mes de xuño o ministro José Blanco impulsou actuacións concretas para pór en marcha o soterramento en catro cidades: Granada, Alacante, Palencia e Talavera de la Reina.
En Ourense, sen argumentos técnicos ou económicos de peso, os socialistas desacreditan a maioritaria reivindicación cívica do soterramento expresada formalmente polos centenares de alegacións ao estudo informativo do proxecto de integración urbana, que esperan resposta desde outubro de 2009. Xa transcorreron 20 meses e os ourensáns recibimos a calada por resposta.
Esta nota elabóroa logo de estudar as decisións de Fomento do presente mes de xuño relativas a proxectos de soterramento:
- 16 de xuño de 2011: O Ministerio de Fomento, a través de Adif, adxudicou o contrato de servizos para a redacción do proxecto de plataforma do tramo de Accesos a Granada, de 2,6 km de lonxitude, pertencente á Liña de Alta Velocidade Antequera-Granada. O orzamento desta adxudicación ascendeu a 1.458.000 euros. Neste tramo de integración ferroviaria destacan, como actuacións singulares, o paso soterrado de 1,8 km de lonxitude aproximada, a reposición do encanamento do río Beiro e todas as reposicións dos viarios e estradas sobre a losa transitable do soterramento.
- 21 de xuño de 2011: O Ministerio de Fomento, a través do Adif, iniciou as obras da estrutura soterrada incluída no tramo Accesos a Alacante, Fase II Sección Norte, da Liña de Alta Velocidade, que permitirá a chegada da alta velocidade en superficie a Alacante en 2012. Á entrada de Alacante, execútanse 370 m de soterramento, que se suman aos 1.000 m xa finalizados. Os traballos que se realizan na actualidade comprenden a execución de pantallas de ata 15 metros de profundidade a ambos os dous lados do caixón, que posteriormente se cubrirán cunha losa de formigón. Estas obras intégranse dentro dun trazado cunha lonxitude total de 1.020 m e que discorre no seu maior parte por terreos ferroviarios da capital alacantina.
- 22 de xuño de 2011: O Ministerio de Fomento, a través de Adif, licitou a redacción do proxecto básico de plataforma para a integración do ferrocarril en Palencia. O orzamento da licitación, publicado no Boletín Oficial do Estado, ascende a 2.100.000 euros. O tramo de integración do ferrocarril en Palencia discorre polos termos municipais de Villamuriel de Cerrato, Palencia e Grijota, na provincia de Palencia, e ten unha lonxitude total de 9,5 km, dos cales 2,7 km corresponden á parte soterrada.
- 27 de xuño de 2011: O Ministerio de Fomento adxudicou a redacción do proxecto construtivo de plataforma e infraestrutura da integración urbana do ferrocarril en Talavera de la Reina (Toledo), na Liña de Alta Velocidade Madrid-Estremadura. O orzamento da adxudicación, publicada no Boletín Oficial do Estado, ascende a 1.251.142,2 euros. O proxecto definirá as obras necesarias para construír a plataforma e infraestrutura do tramo comprendido entre o inicio da rampla de descenso á nova estación soterrada de Talavera de la Reina e o paso superior da estrada N-502. O tramo ten unha lonxitude duns 5.600 metros, dos que aproximadamente 3.770 desenvolveranse en túnel. Dentro do túnel situarase a nova estación de Talavera de la Reina, tamén incluída no proxecto.
Todos estes antecedentes que acabo de expor evidencian a diferenza de trato que Fomento dá a Ourense respecto doutras cidades.
Unha vez máis instamos a Fomento e ao Concello de Ourense a aceptar a proposta da Xunta de Galicia e proceder á realización dun estudo que permita definir, desde un punto de vista técnico e económico, a solución que debe levar a cabo para facilitar a integración da nova estación intermodal e a infraestrutura ferroviaria anexa coa trama urbana de Ourense, contemplando o soterramento.
Este estudo previo deberá tamén analizar as fórmulas para liberar os terreos que actualmente ocupan as instalacións de Renfe Operador, trasladando devanditas instalacións a outra localización. Igualmente as partes deberían consensuar a solución técnica a desenvolver para a estación intermodal.