jueves, 13 de octubre de 2011

En Radio Voz a voltas co desfile do 12 de outubro


Hoxe tivemos o habitual faladoiro matinal dos xoves (de 8,30 a 9,30) en Radio Voz , que modera Antía Díaz Leal.

E dedicamos a maior parte do tempo a debater sobre o desfile de onte en Madrid, a súa necesidade e os seus custos.

Nas miñas intervencións recordei que a conmemoración da Festa Nacional é unha práctica común nos Estados pequenos, medianos e grandes e que a nosa é xustamente o 12 de outubro e que ten como finalidade “recordar solemnemente momentos da historia colectiva que forman parte do patrimonio histórico, cultural e social común, asumido como tal pola gran maioría dos cidadáns” Así di a exposición de motivos da Lei que a regula.

Unha festa, que tamén é coñecida como da Hispanidade pois recorda a proxección lingüística e cultural de España máis aló dos límites europeos.

Neste contexto é no que hai que enmarcar o desfile e homenaxe os caídos que onte presidiu S.M. El Rey e no que participou unha representación das Forzas Armadas, e ao que asistiu a Familia Real ao completo e amplas representacións institucionais dos poderes do Estado.

Dixen que ao meu entender a Festa e o desfile celebrouse con sobriedade e que son partidario de que se manteña esta parada militar coa debida austeridade ao tempo que recordei o importante papel que a Constitución reserva ás nosas Forzas Armadas constituídas polo Exército de Terra, a Armada e o Exército do Aire, que teñen como misión garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional.

Tarefas estas que hoxe – pola globalidade mundial e os enormes custes e as complexidades tecnolóxicas dos armamentos - deben necesariamente prestarse en alianza con outros países, no noso caso dentro da OTAN.

Falamos tamén dos gastos en defensa nun contexto de crise e manifestei que xa veñen producindo recortes orzamentarios, pero que se España quere participar en operacións internacionais e dotar aos seus militares dos equipos adecuados para garantir a súa seguridade e eficacia, é necesario manter un razoable investimento.

Finalmente recordei aos detractores dos gastos militares que a industria naval militar ten nalgunhas comarcas de Galicia como a de Ferrolterra un papel destacado no mantemento do emprego.