Hoxe estiven na Coruña participando nun mitin-xantar, perfectamente organizado polo Partido Popular da provincia de A Coruña, nun ateigado recinto feiral de Expo Coruña, un magnífico edificio deseñado por un arquitecto ourensan, Luis Collarte.
Despois dunha salutación do candidadto Antonio Erias e logo dun brillante e moderado discurso do alcalde da cidade herculina e presidente do PP de A Coruña, Carlos Negreira, interveu o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que afirmou que “despois de oito anos sendo un dos descartes do Goberno de España xa vai sendo hora de que Galicia se converta nunha das súas prioridades”, cando Mariano Rajoy chegue ao poder.
Indicou que levamos dúas lexislaturas de decepción e oito anos freando as expectativas dos mozos; pero que dentro de 22 días pódese empezar a construír unha esperanza e, por iso, pediunos que estes 22 días sirvan para empezar a cambiar o ánimo, a formular propostas e a falar de realidades.
Lembrou Feijóo que o PSOE fixo hai catro anos unha campaña para tapar a realidade e consistiu en negala con todo tipo de mentiras económicas e agora volve tentar facer unha campaña para tapar a realidade mediante tópicos.
E fixo fincapé que ese tipo de campaña non será a dos populares. Así, mentres a do PSOE é a de tentar despistar á xente, tentar subestimar a intelixencia dos cidadáns, ocultar o seu pasado durante estes oito anos, buscar pelexa e falar de Rajoy; a dos populares será a de centrase no que importa, dirixirse aos cidadáns como o pobo maduro que conforman, mostrar que hai futuro e falar de España.
Insistiu en que nada está gañado para o Partido Popular e nada está perdido para España, porque seguimos a ser o mesmo país que liderou todos os indicadores económicos e de emprego; e podemos volver a selo; seguimos a ser un país que conta coa mellor das materias primas: que é unha xente esforzada, traballadora e disposta e porque temos unha xuventude crítica e con iniciativa e emprendedores capaces de xerar ideas que precisan dunha confianza que se lles pode dar. Ademais, porque ante unha política que non funciona, España ten unha alternativa e esta é o Partido Popular.
De seguido interveu Mariano Rajoy que convocou a todos os españois "a que se somen ao cambio porque necesitamos a axuda de todos. Aquí non hai ningunha disputa ideolóxica, discútese se imos seguir igual ou imos estar á altura dos mellores".
Sinalou que está "ben preparado e pertrechado" co apoio do Partido Popular para librar "unha batalla que non ten máis obxectivo que sacar a España da crise económica".
E indicou que o PP ofrece aos españois "un goberno que escoita, que dialoga, que non se cre na posesión absoluta da razón e pode entender as razóns dos demais, pero tamén un goberno firme e que toma decisións".
Afirmou que, se o PP consegue a confianza dos españois, o seu Goberno será rigoroso, competente e responsable, e prometeu un plan económico baseado na austeridade, o restablecemento do crédito para as familias e as pequenas empresas e axudar aos emprendedores, "que son quen crean emprego no noso país".
Rematou pedindo a axuda de todos os españois, "ata dos que votaron a outras forzas políticas" porque "necesitamos un goberno forte" para poder saír da crise, e afirmando que España está capacitada para saír da crise e ocupar o posto relevante en Europa que perdeu nos últimos anos.