Hoxe viaxei a Santiago de Compostela para asistir no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia a un acto de homenaxe a todas as persoas que, desde a constitución da Cámara, o 19 de decembro de 1981, teñen ocupado un escano no Parlamento de Galicia.
Acudín invitado xa que tiven a honra de formar parte do Parlamento de Galicia na V Lexislatura, desde 1997 ata que o 21 de marzo de 2000 fun elixido Deputado en Cortes.
En primeiro lugar interveu a presidenta da Cámara, Pilar Rojo.
Amosouse convencida de que “a Galicia dos nosos días é o que é, en gran parte, gracias á capacidade de autogoberno que se foi articulando a partir das súas institucións autonómicas, entre as que o Parlamento constitúe a auténtica e insubstituíble pedra angular”.
Dixo que ao seu xuízo, os deputados e deputadas que se teñen sucedido na Cámara ao longo destes 30 anos, contribuíron a “facer realidade a arela dos vellos galeguistas que aspiraban a construir unha Galicia con poder executivo e lexislativo de seu”.
Pilar Rojo tamén rendeu público tributo a todos os que dun ou doutro xeito foron e son os protagonistas destas tres décadas de historia –deputados, funcionarios da institución e xornalistas, pero tamén aos cidadáns que co seu voto decidiron e deciden a composición da Cámara.
Sen dúbida a sua menxase principal foi o de “reivindicar o papel da política e dos políticos, como lexítimos representantes dos cidadáns, porque a democracia representativa é o mellor de cantos sistemas de Goberno se levan sucedido ao longo da historia”.
Despois da Presidenta, interviron Alfredo Suárez Canal, en representación do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego; Francisco Xulio Cerviño González, en representación do Grupo Parlamentario Socialista; Xaime Pita Varela, en representación do Grupo Parlamentario Popular; Jesús María Fernández Rosende, presidente da Asociación de ex Deputados do Parlamento de Galicia; e pechou o acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Rematado o acto tiven a oportunidade de saudar a numerosos compañeiros e amigos, entre eles a dous cos que compartín a Mesa do Parlamento na V Lexislatura, o seu Presidente José María García Leira e o Secretario Primeiro Juan Pedrosa Vicente.
Ademais, visitei a exposición montada a tal efecto e puden ver o cadro no que se reflicte a composición de cada lexislatura, que a partir de hoxe, o Parlamento exhibirá deixando testemuña da rotación que se vai producindo na Cámara.
Tamén recibín un libro sobre os 30 anos de historia da institución, que inclue imaxes e testemuños persoais dos distintos presidentes da Cámara e da Xunta, dos membros da Mesa e de diversos deputados tanto actuais como veteranos.
Unha feliz xornada que enxalzou as tres primeiras décadas da nosa Cámara lexislativa.
Longa vida ao Parlamento de Galicia.