Hoxe tivemos o habitual faladoiro matinal de Radio Voz que dirixe Antía Díaz Leal e na que os xoves desde as 8,30 pronunciámonos sobre temas de actualidade tres representantes de partidos políticos e algún colaborador normalmente xornalista.
Falamos en primeiro lugar sobre as detencións practicadas onte en Galicia de presuntos terroristas que pretendían realizar novos atentados. Felicitei á Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil por esta acción que espero sirva para frear o que xa era unha preocupante onda de actos terroristas na nosa Comunidade.
Con todo o tema principal foi sen dúbida o inicio de conversacións entre Mariano Rajoy e os líderes sindicais Cándido Méndez e Ignacio Fernández así como co líder empresarial Joan Rosell para falar sobre seis grandes aspectos: negociación colectiva, contratación, absentismo, intermediación, resolución extraxudicial de conflitos e formación.
Dei a miña opinión sobre que esta actitude de Rajoy, tres semanas antes da súa toma de posesión, explicita a vontade de pactar unha urxente reforma laboral orientada á creación de emprego.
Finalmente falamos da recente sondaxe do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) sobre opinión pública e política fiscal que evidencia que o 54,5 por cento ten claro que en España se paga moito; o 82,8 por cento, ademais, ve inxusto como se cobran os impostos, porque non pagan máis quen máis teñen. E o 84,1 por cento cre que existe moito ou bastante fraude fiscal.
Na miña opinión este estudo debe lerse con detalle pois explica moitas das condutas que os sondados entenden como constitutivas de fraude fiscal e polo tanto pode axudar a definr as liñas de actuación sobre as que se debería actuar para corrixilo.