Onte os ministros do goberno de Mariano Rajoy tomaron posesión das súas carteiras con tres lemas debaixo do brazo: “crecemento, reformas e diálogo”.
O ministro de Economía e Competitividade, Luís de Guindos, chamou ao optimismo porque “a recuperación é posible con reformas que xerarán un crecemento suficiente para xerar emprego”.
Cristobal Montoro, ministro de Facenda e Administracións públicas, defendeu que “a crise acabará co esforzo de todos a través de políticas de estabilidade e equilibrio orzamentario”.
A onubense Fátima Báñez, ministra de Emprego e Seguridade Social, prometeu diálogo permanente coa patronal, sindicatos, grupos parlamentarios e as comunidades autónomas e acometer reformas polo emprego.
O novo ministro de Industría, Enerxía e Turismo, o canario José Manuel Soria, compromteuse a buscar sempre a unidade na toma de decisións que terán un obxectivo claro: crecer e ser competitivos.
José Manuel García-Margallo, ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación, afirmou que “deixariase a pel para defender a nova marca-país de España con política de Estado, non de partido e, sobre todo, consenso.
O ministro de Agricultura e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete volveu para defender o papel de España nas negociacións das reformas da PAC e da PPC, entre as súas primeiras tarefas.
A galega Ana Pastor, ministra de Fomento, tomou posesión da súa carteira, que será a punta de lanza para alcanzar a recuperación de España.
Soraya Sáenz de Santamaría asumiu Presidencia con humildade, sentido do deber e sentido común e prometeu facer un diagnóstico sinceiro de como están as cousas e de facer cómplices aos cidadáns das solucións.
Alberto Ruiz-Gallardón chega ao ministerio de Xustiza con afán inconformista e unha aposta pola modernización: “Farei que a Xustiza sexa un dos mellores servizos”
Pedró Morenés volve a Defensa disposto a loitar para buscar solucións e comprometido para traballar polo prestixio das Forzas Armadas.
Jorge Fernández Díaz, desde Interior, prometeu diálogo e firmeza para alcanzar a paz social, unha das grandes responsabilidades ás que se enfrontará con dedicación.
Ana Mato, desde Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, liderará un ministerio reformista que teña a sanidade universal e a igualdade como as súas prioridades.
José Ignacio Wert, asume a carteira de Educación, Cultura e Deporte, disposto a facer máis por menos: “Sacaremos ata o último céntimo de eficacia a cada euro”