martes, 13 de diciembre de 2011

Pleno de constitución do Congreso dos Deputados


O Congreso dos Deputados xurdido das eleccións xerais do 20 de novembro reuniuse hoxe, ás 10:00 horas, para celebrar a súa sesión constitutiva, tal e como determina o Real Decreto 1329/2011, polo que se acorda a disolución das Cámaras elixidas o 9 de marzo de 2008 e convócanse novos comicios.

A sesión constitutiva foi presidida inicialmente polo deputado electo de maior idade dos presentes, o sevillano Juan Manuel Albendea, asistido, en calidade de secretarios, polos dous máis novos, que son Alberto Garzón e Belén Hoyo.

O presidente declarou aberta a sesión e un dos secretarios deu lectura ao Real Decreto de convocatoria, a relación de deputados electos e os recursos contencioso-electorais interpostos, con indicación dos deputados electos que puidesen quedar afectados pola resolución dos mesmos.

A continuación iniciouse o proceso de elección da Mesa do Congreso dos Deputados, de acordo co procedemento previsto no artigo 37 deste Regulamento.

Na elección do presidente, cada deputado escribiu só un nome na papeleta, resultando elixido por maioría  absoluta Don Jesús María Posada Moreno, que obtivo 202 votos dos membros da Cámara. 

Os catro vicepresidentes elixíronse simultaneamente. Cada deputado escribiu só un nome na papeleta. Resultaron elixidos, por orde sucesiva, os catro que obtiveron maior número de votos. Desta forma, foron designados como vicepresidentes, Celia Villalobos, con 116 votos; Javier Barrero, con 100; Dolors Montserrat, que obtivo 50 votos, e Jordi Jané, con 47.  Na mesma forma foron elixidos os catro secretarios, sendo elixidos Ignacio Gil Lázaro, que obtivo 136 votos; María del Carmen Silva, 63; Teresa Cunillera, 62 e Santiago Cervera, 49.

Concluídas as votacións, os elixidos ocuparon os seus postos. O presidente electo presentou e solicitou dos demais deputados o xuramento ou promesa de acatar a Constitución, a cuxo efecto foron chamados por orde alfabética. O presidente declarou constituído o Congreso dos Deputados, e levantóuse a sesión.

Rematado o acto tivemos tempo para sacar unha foto dos quince deputados elixidos nas filas do PP de G.

Hoxe pola tarde o novo Presidente do Congreso comunicou ao Rei, ao Senado e ao Goberno a constitución do Congreso.

Dentro do prazo dos quince días seguintes á celebración da sesión constitutiva terá lugar a solemne sesión de apertura da lexislatura.