martes, 31 de enero de 2012

Actividade parlamentaria


Hoxe pola mañá asistin á Comisión de Industria, Enerxía e Turismo do Congreso onde tivo lugar a primeira comparecencia do Ministro José Manuel Soria.

A próxima semana comezarán as as sesións ordinarias da X Lexislatura. Así está previsto que o martes, a partir das 16 horas, iniciarase o Pleno co debate sobre catro Proposicións non de Lei.

En primeiro lugar, abordarase a do Grupo Popular relativa á renovación do protocolo de pesca UE-Reino de Marrocos. Posteriormente, analizarase a proposta do Grupo Socialista sobre a revisión do calendario do programa de estabilidade e estímulo ao crecemento.

Ademais, estudarase o texto do Grupo Catalán polo que se insta ao Goberno a adoptar un conxunto de medidas de apoio ao emprendedor, e, para rematar, debaterase a Proposición non de Lei do Grupo A Esquerda Plural sobre medidas extraordinarias para a creación de emprego e o estímulo da economía real.

Para concluír a xornada do martes, o Pleno abordará a dación de contas da Deputación Permanente da IX Lexislatura á Cámara da X Lexislatura.

O mércores, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, comparecerá a petición propia ante o Pleno a partir das 9 horas para informar sobre o Consello Europeo celebrado en Bruselas o pasado 30 de xaneiro. Tras a súa intervención, responderá ás preguntas dos grupos parlamentarios.

O xoves, tamén desde as 9 horas, votarase a convalidación ou derrogación do Real Decreto Lei polo que se procede á suspensión dos procedementos de preasignación de retribución e á supresión dos incentivos económicos para novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de coxeneración, fontes de enerxía renovables e residuos. O Pleno concluirá co debate das interpelacións urxentes.