jueves, 26 de enero de 2012

Ambiciosas reformas na Xustiza no Plan de Ruiz Gallardón


Nesta semana se estan reunido as Comisións Parlamentarias para recibir as primeiras comparecencias dos novos ministros.

Quero salientar a de onte do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, na que se comprometeu a garantir a despolitización do órgano de goberno dos xuíces. Para conseguilo, propuxo aos grupos parlamentarios pór fin ao sistema de cotas na elección dos maxistrados do Consello Xeral do Poder Xudicial. Unha reforma para a que será necesaria a elaboración dunha nova Lei Orgánica do Poder Xudicial na que se modifique o mecanismo de elección dos membros deste órgano de goberno, de forma que a partir da entrada en vigor da nova norma, as Cortes escollan a oito dos vinte vogais do CGPJ e os doce restantes sexan seleccionados por e entre os maxistrados da carreira xudicial. Pero eses oito vogais, segundo apuntou Ruiz-Gallardón, non poderán ser obxecto de intercambio político. Hase de volver ao acordo que establece a Constitución e que cada un deles sexa elixido mediante o consenso polos grupos parlamentarios.

O outro gran obxectivo da lexislatura é situar á Xustiza ao servizo da recuperación económica. O ministro aseguro que “Se actuamos con prudencia, se  identificamos adecuadamente os problemas, se planificamos ordenadamente os investimentos e gastos a realizar, e se dotamos á Administración de Xustiza dunha organización moderna e eficiente, conseguiremos o obxectivo de que a Xustiza española sexa, en tempos de crise económica, un verdadeiro motor da economía nacional”

Ruiz Gallardón apuntou ao “exceso de litixiosidade” do sistema xudicial como un dos principais problemas a combater. Nese sentido, apostou por atopar fórmulas que contribúan a diminuír de forma razoable o elevado índice de litixios que anualmente se acumulan en xulgados e tribunais. Consciente da inxente cantidade de recursos financeiros -estimada en decenas de miles de millóns de euros- que se atopan pendentes de que se dite resolución definitiva nos correspondentes pleitos, Ruiz-Gallardón propuxo adoptar as medidas que sexan precisas para que todos eses recursos inmobilizados nos tribunais revertan canto antes ao circuíto económico, a fin de obter o máximo beneficio para a economía nacional.

Para axilizar os procesos, un dos obxectivos básicos é a modernización da Xustiza, onde non debe confundirse a dixitalización masiva cos expedientes electrónicos. O Ministerio creará unha Axencia que se encargue da coordinación dos sistemas informáticos e de comunicación das distintas administracións para que todos os datos e rexistros sexan compatibles e estean conectados en rede.

Igualmente, para modernizar a Administración da Xustiza e moderar os abusos no acceso aos órganos xudiciais en segunda instancia, o ministro propuxo unha revisión das taxas e os depósitos xudiciais xa existentes. O fin non é outro que non prolongar indebidamente o tempo de resolución dos procesos, sen prexuízo do dereito á tutela xudicial efectiva.

Na súa comparecencia parlamentaria, Ruiz-Gallardón tamén recordou que a Constitución non admite a amnistía como indulto de carácter colectivo e que tan só recoñece o exercicio de dereito de graza con carácter individual e con sujeción a certos requisitos. Así, subliñou que calquera medida estaría suxeita, en todo caso, aos factores particulares de cada recluso, e entre eles a petición individualizada de petición de perdón e ánimo de reparación ás vítimas”

Tamén o ministro Ruiz-Gallardón anunciou a presentación de novos proxectos lexislativos así como a reforma doutros xa en vigor. 

Novos proxectos lexislativos:

- Nova Lei Orgánica do Poder Xudicial: Reformarase o sistema de elección de modo que doce dos seus vinte vogais sexan elixidos de e entre xuíces e maxistrados de todas as categorías e delimitaranse as competencias do Pleno e das distintas comisións para axilizar o funcionamento deste órgano. Potenciaranse os principios de mérito e profesionalidade na promoción da carreira xudicial.

Delimitaranse as competencias do Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional e recuperarase o recurso previo de inconstitucionalidade para os estatutos de autonomía.

- Nova Lei de Planta e Demarcación Xudicial: o Ministerio entende que é necesario actualizar o concepto de partido xudicial, que quedou obsoleto porque responde a unha realidade moi distinta á actual.

- Novo Código Mercantil: O obxectivo desta nova norma é materializar o compromiso expresado polo presidente do Goberno sobre a necesidade de garantir a unidade de mercado e redundar nunha competitividade real. Non só integrará nun único corpo legal a dispersa lexislación mercantil existente, senón que, ademais, completaraa e modernizará adaptándoa ás esixencias da nova realidade económica.

- Nova Lei de Enjuiciamiento Criminal: Pola súa envergadura, é un proxecto de lexislatura para actualizar unha lei orixinal do século XIX. A nova norma ordenará os prazos do segredo de sumario, o control das conversacións telefónicas, o dereito de todo condenado á revisión do fallo condenatorio por un Tribunal superior e o papel da policía xudicial, entre outros.

Á vez que se garante a independencia do Ministerio Fiscal no seu marco de actuación , incrementarase o papel do fiscal na instrución nos procesos de urxencia ou naqueles que supoñan unha investigación mínima, sen prexuízo do labor do xuíz instrutor.

- Nova Lei da Xurisdición Voluntaria: Será un medio eficaz para desxudicializar e reducir o volume de asuntos de natureza non estritamente xurisdiccional tradicionalmente encomendados aos xuíces. Reordenaranse as competencias de xuíces e secretarios xudiciais e os procedementos en materia de dereitos reais, obrigacións, sucesións, dereito mercantil e marítimo pasarán a notarios e rexistradores.

- Nova Lei de Mediación: Converterase nunha oportunidade para avanzar na modalidade alternativa de solución de conflitos. Actualmente non existe ningunha norma xeral que regule de xeito sistemático a mediación na orde civil e mercantil.

Reformas lexislativas parciais.

- Reforma da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo na que se esixirá o consentimento paterno en relación ás menores e defenderase o dereito á vida nos termos xa definidos pola doutrina do Tribunal Constitucional.

- Estudarase a posible instauración da pena de prisión permanente revisable, configurada como unha pena excepcional para supostos moi restrinxidos pero que alcanzaron o máximo grao de repulsa social.

- Abordarase coa máxima prioridade a reforma da multirreincidencia de forma coordinada co Ministerio do Interior.

- Introdución dun sistema de xuízos rápidos na orde civil, a semellanza do que tanto éxito tivo no ámbito penal.

- Reforma do Estatuto das Vítimas para garantir os dereitos das vítimas de calquera tipo de delito. Unha reivindicación que creceu nos últimos anos e que se corresponde co completo abandono da vítima no ámbito normativo. Se reestablecerá o seu dereito a estar informado da situación procesual do autor do delito e do seu paradoiro ata o final da súa condena, e estableceranse fórmulas para eludir o pago das indemnizacións.

- Introdución dunha nova regulación na Lei Orgánica de Responsabilidade Penal do Menor pola cal unificarase a investigación e o enjuiciamiento nos casos de delito grave nos que estean implicados maiores e menores, sen que isto supoña unha diminución dos dereitos do menor.

O ministro de Xustiza concluíu a súa primeira intervención no Congreso dos Deputados co propósito de conseguir o máximo consenso posible e de tender pontes, escoitar a todos os grupos políticos, operadores xurídicos, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, avogados, procuradores, graduados sociais, dialogar con eles e levar a bo porto as reformas lexislativas esenciais que se van a emprender en prol da modernización da Xustiza.

Ademais, expresou o seu compromiso de manter unha fluída relación coas Comunidades Autónomas con competencias transferidas?, pondo en valor a Conferencia Sectorial de Xustiza, constituída en 1999, como unha valiosa ferramenta para manter un permanente diálogo coas Administracións autonómicas.

Realmente un programa ben ambicioso.