Hoxe o Consello da Xunta, reunido de xeito extraordinario adoptou o acordo de decretar tres días de loito oficial en Galicia polo pasamento do Presidente Fraga.
Quero coincidir coas palabras de hoxe do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo na consideración de Manuel Fraga como un servidor público inesquecible e inigualable.
Na miña etapa como vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia desde 1997 ata o ano 2000 tiven oportunidade en directo de constatar a súa enorme capacidade de traballo e de entrega, que non deixaba de sorprenderme. Recordo que moitas veces cando chegaba ao hemiciclo do Palacio do Hórreo, para comezar a sesión plenaria o presidente Fraga xa levaba quince minutos sentado no seu escano lendo con detalle os xornais do día para logo dar conta aos seus Conselleiros e colaboradores daquelas noticias que lles interesaban para que se ocuparan delas. Tamén lembro os seus potentes discursos, a imponente documentación que sempre acompañaba as súas planificacións e os seus orzamentos e a enorme seriedade que esixía no traballo aos seus colaboradores.
Baixo a presidencia de Fraga durante dezaseis anos tivo lugar unha gran transformación da realidade de Galicia, co impulso da nosa autonomía e das súas competencias, da modernización da economía e das infraestruturas, da consolidación da imaxe dunha terra de oportunidades.
Xogou tamén un papel esencial na historia democrática de España, coa fundación do Partido Popular, que en Galicia se concretou nunha formación netamente galeguista que conseguiu respaldos electorais maioritarios do pobo galego.
Un PP de G que baixo o seu liderazgo acadou rotundas victorias como a das eleccions autonómicas de 1997 nas que tiven a honra de comparecer como primeiro candidato por Ourense, e compartir mitines como o caso do celebrado en outubro do citado ano en O Barco de Valdeorras no que tamén falara a xa desaparecida ex ministra Loyola del Palacio. Nesta foto se expresa a vitalidade e a forza desde “político total” que foi Manuel Fraga Iribarne.
Mañá será o seu enterro en Galicia, ao que algúns como eu non poderemos asistir, precisamente por ter á mesma hora actividade parlamentaria en Madrid, pois constituiremos no Congreso dos Diputados as novas Comisións parlamentarias.
En lugar de acudir a Perbes estaremos no Palacio da Carreira de San Jerónimo, onde tantas horas Manuel Fraga traballou como Letrado, deputado e ponente constitucional.
Alí recordarémoslle como o home de Estado que foi.