jueves, 19 de enero de 2012

Falando da exisencia de responsabilidades aos xestores públicos



Hoxe tivemos o faladoiro de Radio Voz na que a xornalista, Antía Díaz Leal propúxonos falar de dous temas, as manifestacións de onte de Cristóbal Montoro en relación á posible esixencia penal aos malos xestores públicos e tamén sobre as conclusións do recente Consello de Política Fiscal e Financeira.
 
Sobre o primeiro tema opinei que o que onte adiantou nunha entrevista radiofónica o ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, non é ningunha novidade pois no programa electoral co que o PP comparecía ante as eleccións xa previamos esa posibilidade.

Afirmei que me parecía moi ben que se anunciase que entre os mecanismos que o Goberno introducirá para garantir o control do déficit público incluirase unha reforma da Lei de Transparencia do Goberno para que os gobernantes que gasten por encima do que marca o orzamento teña que afrontar responsabilidades penais.

Trátase de pór coto a condutas irresponsables como deixar para o que veña as facturas no caixón sen contabilizar nin pagar, a falta de transparencia e a acumulación de débedas que se volven impagables, e tamén o contraer compromisos de pago sen partida orzamentaria ou por encima dela.

Expliquei que nun momento de gravísima situación económica como a que vivimos é inadmisible o falseamento das contas públicas e que se impón o rigor.

Dixen tamén que a modificación do Código Penal é a modificación dun texto legal de enorme importancia e que por iso será obxecto da tramitación exixible, na que por suposto non cabe baixo ningún concepto a irretroactividade.

Recordei como no ámbito do dereito penal español xa está tipificado dentro dos chamados delitos societarios que os administradores, de feito ou de dereito, dunha sociedade constituída ou en formación, que falsearen as contas anuais ou outros documentos que deban reflectir a situación xurídica ou económica da entidade, de forma idónea para causar un prexuízo económico á mesma, a algún dos seus socios, ou a un terceiro, serán castigados coa pena de prisión dun a tres anos e multa de seis a doce meses.

Polo tanto cabe preguntarse se non sería razoable expor un tipo asimilable para os xestores públicos.

Con relación ao segundo dos temas resaltei que todos os responsables das Comunidades Autónomas que asistiron o pasado martes á reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira valoraron moi positivamente os acordos adoptados. Os que teñen que ver coa ampliación de cinco a dez anos do prazo para que as autonomías devolvan ao Estado os anticipos a conta recibidos nos anos 2008 e 2009 e que ascenden a case 24.000 millóns de euros.

Tamén a disposición por parte do Goberno de España para garantir a estabilidade financeira das comunidades autónomas a través de mecanismos excepcionais de liquidez, como o adianto de pago da liquidación de 2010 e o aval con fondos ICO de liñas de financiamento para que se paguen as débedas cos provedores.