Tamén hoxe o Consello de Ministros aprobou un Real Decreto Lei de creación do mecanismo de financiamento a entidades locais para o pago a provedores. A norma fixa a operativa para que os contratistas poidan cobrar as facturas que teñen pendentes.
Ademais, o Goberno aprobou a remisión ás Cortes dun Proxecto de Lei para modificar a normativa vixente co fin de posibilitar o aval do Estado en futuros mecanismos de financiamento de todas as administracións públicas para o pago a provedores.
As Corporacións Locais terán a obrigación de presentar ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, con anterioridade ao 15 de marzo, a listaxe das facturas das débedas pendentes cos seus provedores. Esas facturas pendentes de pago teñen que haberse xerado por obras, servizos ou subministracións realizadas antes do 1 de xaneiro de 2012.
Así mesmo, terán que remitir ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, antes do 31 de marzo, un plan de axuste que permita facer fronte no futuro ao pago desas débedas, ao reintegro das cantidades que van servir para pagar aos provedores e aquelas medidas que garantan a súa viabilidade económica e financeira.
A vicepresidenta do Goberno asegurou que a medida estase elaborando tendo moi presente a delicada situación das pequenas e medianas empresas e dos autónomos, que están en condicións moi difíciles para continuar cos seus negocios como consecuencia da morosidade das Administracións Públicas.