martes, 28 de febrero de 2012

Déficit das Administracións Públicas en 2011: 8,51 % do PIB


Onte o Ministro de Facenda e Administracións Públicas daba a coñecer un avance dos datos de execución orzamentaria e así sabemos que o conxunto das Administracións Públicas pechou o pasado ano 2011 cun déficit de 91.344 millóns de euros, o que equivale ao 8,51% do PIB.

Tamén afirmou Cristóbal Montoro, que en 2010 o conxunto das Administracións Públicas finalizou o exercicio cun desfase de 98.166 millóns de euros, o 9,33% do PIB.

Os datos do pasado exercicio confirman que o desequilibrio das contas públicas foi superior en 2,51 puntos porcentuais ao obxectivo de consolidación fiscal do 6% do PIB comprometido en 2011 polo Goberno español ante a Comisión Europea. Todas as Administracións Públicas acabaron o ano en números vermellos, en termos de Contabilidade Nacional.

O Ministro informou que a Administración Central do Estado incorreu nun déficit de 54.739 millóns de euros, equivalente ao 5,1% do PIB. En 2010 esta administración pechou o ano cun déficit do 5,72%, 60.091 millóns de euros. A desviación en 2011 respecto ao obxectivo inicial foi de 0,3 puntos.

Polo que respecta ás Administracións da Seguridade Social, estas terminaron 2011 cun déficit en termos de Contabilidade Nacional de 995 millóns de euros, o 0,09% do PIB. O obxectivo previsto era acabar o exercicio cun superávit do 0,4% do PIB. En 2010, as Administracións da Seguridade Social arroxaron tamén un déficit de 2.069 millóns, o 0,2% do PIB.

Pola súa banda, o total das comunidades autónomas terminou o exercicio cun desequilibrio de 31.541 millóns de euros, o que supón o 2,94% do PIB. O desfasamento respecto ao obxectivo inicial sitúase en 1,6 puntos. En 2010, a Administración autonómica tivo un déficit tamén do 2,94% do PIB.

As autonomías que no pasado exercicio rexistraron un maior déficit foron, por esta orde, Castela-A Mancha (7,30% do PIB); Estremadura (4,59%), Murcia (4,33%), Cataluña (4,04 %) e Baleares (4,00 %).

Pola contra, as que tiveron un menor desequilibrio fiscal foron Madrid (1,13%); Galicia (1,61%), Canarias (1,78%) Navarra (1,89 %). A Rioxa (1,97 %) e Pais Vasco (2,16 %).

As corporacións locais pecharon o pasado ano cun déficit de 4.069 millóns de euros, equivalente ao 0,38% do PIB. En 2010, este desfase foi de 5.050 millóns, o 0,48% do PIB. A desviación respecto da senda de consolidación fiscal en 2011 foi de 0,08 puntos.


Expostos estes datos podemos extraer as seguintes conclusións:

1ª - O Goberno socialista antes de abandonar o Goberno cifrou o déficit nun 6 %., pero a realidade acreditou que agora o déficit total das administracións públicas sitúase en 8,51%, o que supón unha desviación na monumental cifra de 26.500 millóns de euros.

2ª- O 60% do déficit total débese á herdanza socialista na administración central.

3ª - Ás Comunidades Autónomas hai que atribuírlles o 34,52 % do déficit público.

4ª - As Comunidades autónomas que máis desviación orzamentaria presentan son as que ata mediados de xuño de 2011 estaban gobernadas polo PSOE: este é o caso de Castela A-Mancha, Estremadura ou Cantabria.

5ª - Outras comunidades que estaban gobernadas polo PP como A Rioxa, Galicia,e Murcia reduciron o déficit ou, como Madrid, están por baixo do obxectivo do 1,3 %.

6ª- Ante esta herdanza de enorme deterioro económico, imponse un titánico esforzo de todas as Administracións Públicas para reducir o déficit do 8,5% ao 4,4% . Trátase de reducir o gasto e mellorar os ingresos, corrixir a desviación das contas e retomar a senda da estabilidade. Nada mais e nada menos.