Onte tivemos unha excelente noticia para a conexión de alta velocidade entre Madrid e Galicia, xa que o Ministerio de Fomento aprobou a adxudicación, a través de Adif, das obras de construción de plataforma do tramo: Túnel de Padornelo-Lubián por importe de 108.875.849 euros (IVE incluído).
Trátase dun tramo de 7,6 quilómetros de lonxitude, que discorre polos termos municipais zamoranos de Requejo e Lubián e consta dunha plataforma de vía única (vía dereita) de 8,5 m de anchura.
Este tramo intégrase no trazado comprendido entre Poboa de Sanabria e Ourense, de 99 km de lonxitude total, un dos tramos máis complexos tecnicamente da LAV Madrid-Galicia debido á accidentada orografía que atravesa.
As obras foron adxudicadas á UTE formada polas empresas Ferrovial Agromán e Compañía de Obras Castillejos, e contan cun prazo de execución de 40 meses.
Parabén a ministra Ana Pastor, que no inicio do seu mandato e nun momento de crise económica aguda segue impulsando a chegada da alta velocidade a Galicia.