viernes, 3 de febrero de 2012

Reformas para o saneamento do sector financieiro


Hoxe o Consello de Ministros aprobou o Real Decreto Lei de saneamento do sistema financeiro, que aborda catro aspectos: un plan de saneamento do sector, un plan de restructuración, a simplificación dos órganos reitores das caixas de aforro e limitacións estritas ao sistema de remuneracións dos administradores e directivos das entidades que reciban axudas.

A importante reforma foi explicada pola vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros sendo acompañada polo ministro de Economía e Competitividade, Luís de Guindos.

Afirmaron que a intención do Goberno é simplificar a estrutura das caixas de aforros que non leven a cabo actividade propia dunha entidade de crédito. Búscase, dixo, reducir custos, e establécese a obrigación de que dediquen o 90% dos seus excedentes de libre disposición a cumprir coa súa obra social.

O Executivo tamén estableceu un conxunto de limitacións ás remuneracións fixas e variables de conselleiros, administradores e directivos tanto das entidades que recibiron axudas públicas como das catro que foron intervidas.

Luís de Guindos precisou que os directivos das entidades que recibiron préstamos do Fondo de Reestruturación Bancaria non poderán cobrar remuneracións anuais superiores a 600.000 euros. O límite para os directivos das entidades intervidas é de 300.000.

A vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría subliñou que, ao ser entidades con axuda pública, o Goberno entende que pode establecer límite a esas remuneracións, do mesmo xeito que se fixan límites ás remuneracións nos casos en que o sector público leva a cabo unha actividade.

Na mesma liña, o ministro de Economía e Competitividade insistiu en que a intención do Goberno non é fixar os soldos do sector privado, senón que as axudas públicas cumpran a finalidade para as que foron destinadas.

A vicepresidenta do Goberno destacou que o obxectivo das decisións adoptadas é fortalecer a confianza e a credibilidade na sociedade española, na economía e no sector bancario tanto no ámbito nacional como no internacional. Ademais, búscase abaratar o prezo da vivenda e acomodalo á situación actual do mercado.

Tamén anunciaron que a Comisión Delegada para Asuntos Económicos acordou unha liña de créditos ICO para financiamento directo das Comunidades Autónomas condicionada ao cumprimento das esixencias de disciplina orzamentaria. Está dotada de 10.000 millóns ampliable a 15.000 millóns de euros.

Esta liña ICO ten dous elementos básicos. É un mecanismo de financiamento para o pago de provedores das Comunidades Autónomas, para o pago de subministracións, obras e servizos recoñecidos antes do 1 de xaneiro de 2012. Trátase dunha medida que trata de paliar a morosidade e os adiamentos no pago destas débedas con provedores para dinamizar a pemes con débedas non pagadas polas administracións públicas.

O segundo elemento desa liña está destinado a cumprir as obrigacións derivadas da débeda financeira das CCAA con anterioridade ao 1 de xaneiro.