Os deputados galegos do PP no Congreso estamos moi satisfeitos co compromiso novamente exlicitado hoxe na sesión de control, do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, co sector naval galego e agradecemos as reiteradas mostras de apoio do titular do Executivo español cara aos estaleiros españois en contraposición ao que sucedera ata agora: “seis anos de práctica inacción do Goberno socialista”.
Respostando a unha pregunta de Francisco Jorquera, Rajoy volveu a reiterar que a situación do naval é para o seu goberno “unha absoluta prioridade” e anunciou que España manterá “unha posición de firmeza nas negociacións coa Unión Europea para que se acepte o réxime fiscal proposto polo noso país para a construción no sector naval”.
Rajoy insistiu en que o Goberno «dará a batalla» nunha cuestión que cualificou como unha «prioridade absoluta», aínda que advertiu que non se pretende denunciar o réxime fiscal existente noutros países europeos porque ao que aspira España é precisamente a ter unha normativa similar e, xa que logo, carecería de sentido.
Para os deputados galegos do PP é de valorar o feito de que os cidadáns saben que hai un galego á fronte da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que está pelexando por defender os intereses do sector naval como onte demostrou na súa intervención no Debate do Estado da Autonomía, e outro á fronte do Estado español, Mariano Rajoy, que está seguindo moi atentamente as negociacións coa UE porque sabe da importancia para Galicia deste sector produtivo.
Agardamos que pronto sexa aceptado o novo modelo fiscal que expón o Goberno, que é similar ao doutros socios europeos. Será un acto de xustiza.